"Un amigo ao balonmán", o Cisne busca novos talentos nos colexios
Por Redacción
O Club Cisne Balonmán puxo en marcha por segundo ano a campaña "Un amigo ao balonmán", coa que pretende fomentar a práctica deste deporte entre os máis pequenos invitando aos nenos non inscritos nos equipos de base da entidade a participar nos adestramentos todos os luns dos meses de marzo e abril.
Con esta iniciativa o Cisne pretende, segundo o director da base e xogador do primeiro equipo Pablo Domínguez, contaxiar a afección do balonmán aos nenos, "non deixamos de crecer e son os máis pequenos os que nolo permiten, en canto proban este deporte, adestran e veñen a xogar uns partidos, sempre queren repetir".
Dentro desta campaña os xogadores do Cisne Eduardo Covelo, Pablo Galán, Alexandre Chan e o propio Pablo Domínguez visitaron o Colexio Calasancias de Pontevedra, unha iniciativa que repetirán nos centros de ensino primario de Salvador Moreno, Los Sauces e Sagrado Corazón de Jesús.