O festival de inverno do club In Mare enche A Raña de ximnasia rítmica
Por Redacción & Diego Torrado
Unhas duascentas ximnastas participaron este sábado nunha nova edición do festival de inverno que organiza o club In Mare, que se celebrou no pavillón marinense da Raña.
No festival participaron ximnastas dos colexios Carballal e a Inmaculada, das escolas deportivas municipais e do club organizador.
Ademais, un grupo de zumba do municipio, composto por unha vintena de mozos bailaríns, foron os invitados a este festival.
Os asistentes puideron gozar de hora e media de actividades, entre elas, coreografías de ximnasia rítmica e a zumba que pechou o festival animando a todo aquel que quixo a bailar con eles.
A directiva do club In Mare destacou ademais a gran cantidade de alimentos non perecedoiros que o público levou ao pavillón a modo de entrada e que serán entregados no comedor benéfico de Marín.