Pescar en río revolto, obxectivo do Pontevedra en Palencia
Por Diego Espiño
A río revolto, ganancia de pescadores. Durante toda a semana en Palencia pouco ou nada se falou de fútbol, debido aos graves problemas institucionais que atravesa o club morado, situación que quere aproveitar o Pontevedra para recuperar o paso na liga.
A pesar de todo non se fía Luisito da inestabilidade palentina, polo que pide concentración aos seus xogadores para non deixarse sorprender. "Temos que pensar en nós, en facelo ben", explica.
O técnico leva a Palencia a 18 futbolistas, todos os dispoñibles, xa que Capi non se recuperou da enfermidade que lle impediu adestrar desde o xoves. Desta forma, na convocatoria entra por primeira vez Eneko Eizmendi, recente fichaxe, que podería debutar na Nueva Balastera coa elástica granate.
Ademais de Eneko a expedición que partiu cara a terras castelás tras adestrar a primeira horas do sábado en Pasarón compóñena: Edu, Santi Canedo, Adrián, Miguel Loureiro, Bonilla, Bruno, Jacobo Trigo, Abel, Kevin, Jacobo Millán, Mouriño, Álex Fernández, Álex González, David Añón, Mateu Ferrer e Miki.
Máis problemas para compoñer a convocatoria e decidir o once inicial ten Óscar de Paula no Palencia, coas baixas seguras de Pelayo e Acoidán por sanción e con Chuchi como dúbida por problemas físicos. Polo menos, a restitución na presidencia de Javier Rodríguez permitiu este venres formalizar as baixas anunciadas e inscribir ás fichaxes. Un dos recentemente chegados, Gallardo, perfílase mesmo como titular na defensa ante a escaseza de efectivos dun equipo que tenta reaccionar para evitar o descenso de categoría.
O colexiado do encontro será o asturiano Álvaro Alonso Prendes, que xa coincidiu esta tempada cos granates no duelo no que venceron ao Somozas en Pasarón.
Relacionadas:
-
O Pontevedra sofre primeiro e perdoa despois en Palencia (0-0)
Por Redacción |
-
Luisito, intranquilo pola crise institucional do Palencia: "Non sei contra quen nos imos enfrontar, contra que futbolistas"
Por Diego Espiño |
-
Grave crise institucional no Palencia, próximo rival do Pontevedra en liga
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra descarta facer máis fichaxes tras a chegada de Eneko Eizmendi
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
O Pontevedra freta un autobús para que os seus afeccionados arroupen o equipo en Palencia
Por Redacción |