Luisito, intranquilo pola crise institucional do Palencia: "Non sei contra quen nos imos enfrontar, contra que futbolistas"
Por Diego Espiño
A grave crise institucional que atravesa o Club Deportivo Palencia esperta certa preocupación tamén no Pontevedra, que debe visitar este domingo (17:00 horas) a Nueva Balastera.
Faino porque o desgoberno que sofre o equipo castelán, unha vez destituída a súa anterior directiva e cunha xunta xestora que non asumiu o mando, afecta á preparación que o corpo técnico granate fai do choque.
Así o recoñece Luisito, desconcertado porque non só calquera informe pasado do seu rival xa non vale, senón que "non sei contra quen nos imos enfrontar, contra que futbolistas".
O Palencia anunciou de golpe cinco baixas no seu primeiro plantel, ao que se uniu a marcha doutro futbolista e a chegada de dúas fichaxes hai escasos días, pero ao non saber quen dirixe a entidade non se sabe se puideron inscribilos e tampouco se deron definitivamente as baixas anunciadas. "A min dixéronme agora que a AFE mandou readmitir aos que botaron", sinala desconcertado o técnico granate.
"O único que sei é que teñen dous sancionados", explica Luisito en relación ao defensa Acoidán e o centrocampista Pelayo, "pero non sei se poden xogar os novos, se non poden xogar, non sei se pode xogar Gallardo, porque parece que a ficha fíxolla o outro presidente... É un problema", sentenza.
Por todo iso o adestrador do Pontevedra incidiu estes días na concentración dos seus, para que non se deixen levar polo ambiente enrarecido que se atoparán en Palencia no que pode supoñer ademais unha arma de dobre fío. "Son partidos fastidiados, eu xa me vin en moitas destas, paseino co Ourense e o final fai que se unan e que dean un plus", declarou a PontevedraViva o técnico de Teo.
CAPI, DÚBIDA POR ENFERMIDADE
A principal dúbida no Pontevedra para o seu desprazamento a Palencia atópase agora mesmo no estado físico de Capi, que este xoves non acudiu ao adestramento programado en Cambados debido a unha forte dor de garganta.
Desde o club esperan que a súa evolución sexa positiva nas próximas horas para que poida estar dispoñible para o técnico. Se é así, coa chegada de Eneko Ezmendi e tendo en conta as baixas por lesión de Barco e Iker Alegre, serían 19 os futbolistas sans, polo que Luisito debería realizar un descarte para completar a convocatoria.
ENEKO PASA RECOÑECEMENTO MÉDICO
Despois de estrearse o mércores ás ordes de Luisito e xunto aos seus novos compañeiros, a primeira e posiblemente única fichaxe invernal do Pontevedra esta tempada, Eneko Eizmendi, someteuse este xoves a un recoñecemento médico, realizado en Hospital Quirónsalud Miguel Domínguez.
Relacionadas:
-
O Pontevedra sofre primeiro e perdoa despois en Palencia (0-0)
Por Redacción |
-
Pescar en río revolto, obxectivo do Pontevedra en Palencia
Por Diego Espiño |
-
Grave crise institucional no Palencia, próximo rival do Pontevedra en liga
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra descarta facer máis fichaxes tras a chegada de Eneko Eizmendi
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
O Pontevedra freta un autobús para que os seus afeccionados arroupen o equipo en Palencia
Por Redacción |