Un gol de fortuna decide a favor dos cántabros un extraordinario partido de Pontevedra e Real Racing (0-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Ningún merecía perder. Os dous quixeron gañar. Conseguiuno o Real Racing grazas a un gol de fortuna, despois de que tanto o conxunto cántabro como o Pontevedra creasen ocasións suficientes para poñerse por diante. Foi un partido serio, dos grandes, entre dous equipos entregados, intensos, cunha constante ida e volta, grandes doses de calidade e disputado a un ritmo trepidante.
Foi, en definitiva, un partido de superior categoría, que respondeu plenamente á expectación creada. Para o Pontevedra queda a amargura de ver como se trunca a súa imbatibilidade en Pasarón, cando posiblemente realizase un dos mellores, por non dicir o mellor, partido da tempada.
A primeira ocasión clara foi para os granates, cun centro de Mouriño que Jacobo Trigo, tras baixar o balón co peito, remata fóra por moi pouco. Respondería o Racing cun remate de cabeza de Dani Aquino, a centro de Héber, que sae alto, tras botar no cesped demasiado picado.
Ao lixeiro dominio territorial dos cántabros opoñía o Pontevedra maior perigo nas súas chegadas á área, grazas especialmente ao gran traballo na medular de Jacobo Trigo e Abel, ademais da pelexa constante de Mateu, David Añón e Mouriño, aínda que este condicionada a súa achega por non saber ler unha arbitraxe que deixaba xogar e non pitaba calquera contacto, nin para un nin para outro equipo.
Para Añón serían as dúas seguintes ocasións de perigo, a primeira finalizada cunha volea desde o bordo da área que se foi cruzada e a segunda culminando unha boa contra que iniciou Mouriño, rematando xunto ao poste.
Todo iso sucedera nuns primeiros 20 minutos trepidantes. Bastante máis que noutros partidos nos 90 minutos.
Logo, sen decaer en absoluto a intensidade, ambos os equipos tomáronse un pequeno respiro, axustando marcaxes e impoñendo a súa lei as respectivas defensas. Iso si, sempre coa vista posta na área rival, obxectivo claro de ambos os conxuntos.
Para pechar posiblemente o mellor primeiro tempo da tempada ata o momento, xusto antes do descanso o Pontevedra volveu ter a oportunidade de poñerse por diante. O exceso de ganas perdeu a Mouriño e Mateu, que se estorbaron ao acudir a rematar en posición vantaxosa, ao bordo da área pequena, un excelente centro de Bonilla.
Se a primeira parte foi intensa e emocionante, a segunda non lle foi á zaga. Comezou cun aviso dos cántabros que abortou Edu, desviando o remate de Dani Aquino. A partir de aí o partido foi un constante ir e vir, cos locais tentando mover máis o balón e o Real Racing buscando con máis rapidez facer chegar o coiro ás súas puntas.
Así seguiu o xogo ata o final. Ninguén daba o brazo para torcer e a pesar de que o marcador non se movía, tampouco había lugar para o aburrimento. Mouriño puido marcar nunha excelente peiteada de Mateu. O seu remate saíu fóra por pouco. Dani Aquino non aproveitou unha contra, elevando o balón ante Edu, pero sen a dirección correcta e David Añón rematou no segundo pau un bo centro de Miguel, tamén con pouca puntería.
Sen respiro, o partido parecía encamiñarse a unha xusta repartición de puntos, pero o que ninguén podía pensar era que ía inclinarse nunha xogada rozando o absurdo, cun gol de calidad e tamén fortuna, cando quedaban 15 minutos para o final. Foi nun corner rematado mal por dúas veces polos visitantes e despexado peor pola zaga granate, ata que á terceira Carlos Álvarez, en semifallo, atopa a sorte como aliada e o seu remate mordido acaba sorprendendo a Edu, tras botar na interior da área.
Os granates non se conformaron. Fóronse arriba con valor e ganas. Mereceron máis, pero caeron con honra. Coa dignidade de morrer na área rival, acurralando ao Real Racing en defensa da súa parcela e cunha última acción moi protestada na que se pediu penalti por empuxón a Mateu cando ía rematar de cabeza, que o colexiado non pitou. Visto o listón que puxera nunha excelente arbitraxe, era demasiado pouco para sinalar os once metros, aínda que o Pontevedra merecéseo.
PONTEVEDRA CF (0): Edu; Miguel, Portela, Bruno (Jacobo, minuto 78), Bonilla; Jacobo Trigo, Kevin Presa, Abel (Álex Fernández, minuto 65); Mouriño (Álex González, minuto 65); David Añón e Mateu.
REAL RACING SANTANDER (1): Iván Crespo; Córcoles, Samuel, Míkel, Julen; Santi Xara, Sergio Ruiz, Álvaro Pena (Coulibaly, minuto 90), Héber (Alberto, minuto 87); Dani Aquino; e Javi Cobo (Carlos Álvarez, minuto 60.
Árbitro: Jaime Ruiz Álvarez (Asturias), auxiliado nas bandas por Javier Estrada Rodríguez e Luís Adrián Casielles Fernández. Amoestou a Mouriño, Miguel, David Añón, Bonilla e Portela, polo Pontevedra, e a Santi Xara e Míkel, polo Real Racing.
Goles: (0-1) Minuto 75: Carlos Álvarez.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 4.000 espectadores.
Relacionadas:
-
Grave crise institucional no Palencia, próximo rival do Pontevedra en liga
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra descarta facer máis fichaxes tras a chegada de Eneko Eizmendi
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Eneko Eizmendi é a fichaxe invernal elixida polo Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra freta un autobús para que os seus afeccionados arroupen o equipo en Palencia
Por Redacción |
-
Suspenden a viaxe a Palencia organizada por afeccionados que estaba patrocinado polo grupo opositor ao Consello
Por Redacción | Creada e actualizada
-
RADIO.- Lupe Murillo aposta pola continuidade de Luisito: "El final seguro que será el que todos esperamos"
Por Redacción |
-
Os peñistas de Fondo Norte, todos a un tempo
Por Diego Espiño |
-
Esixencia máxima para o Pontevedra ante un reforzado Real Racing
Por Diego Espiño |
-
O Real Racing reforza o seu plantel antes de visitar Pasarón
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra roza a vitoria ao final na fortaleza de Mutilva (0-0)
Por Redacción |
-
As peñas do Pontevedra preparan unha xornada festiva para recibir ao Real Racing en Pasarón
Por Redacción |