A LIII edición do Trofeo Luis Otero enfronta en Pasarón a Pontevedra e Deportivo
Por Ramiro Espiño
Se Luis Otero, o lendario olímpico pontevedrés puidese elixir o cartel do trofeo que leva o seu nome moi probablemente desexase ver nel o equipo da súa cidade, o Pontevedra C.F. e ao que viu a súa mellor etapa de futbolista, o Deportivo da Coruña. Pois ben, ese hipotético desexo será realidade na LIII edición dun tradicional trofeo estival que este ano chega en outono por culpa das apreturas dos calendarios actuais.
Facendo un pouco de historia e a xeito de recordo de Luis Otero, cabe dicir que empezou a xogar no Sporting Pontevedra en 1909, pasando logo ao Real Club Vigo, onde estivo ata 1924. A súa fichaxe polo Deportivo da Coruña, en desacordo coa fusión do Vigo e o Fortuna fundando o Celta, pódese dicir que foi a primeira faísca causante da rivalidade actual entre célticos e deportivistas. Luis Otero militaría no Deportivo ata 1930. O seu primeiro partido oficial xógao en 1920, nos Xogos Olímpicos de Amberes, obtendo a medalla de prata e formando parte dun equipo que acuñou a expresión "furia española". Xogaría tres partidos e volvería vestir a camiseta nacional en 1921 e 1925, contra Bélxica e Austria. A súa despedida do fútbol tivo lugar en 1930 nun Deportivo-Barcelona e cando se remodelou o estadio de Riazor, dedicóuselle unha estatua fronte ao Pazo dos Deportes.
O trofeo conmemorativo deste ano, que foi presentado na Deputación Provincial, consiste nunha artística alegoría realizada en cerámica de Sargadelos e dispútase o xoves, a partir das 20,15 horas, en Pasarón.
Pontevedra e Deportivo poñerán en liza ás súas onces de gala
O técnico deportivista, José Luis Oltra, non poderá contar para ese partido cos internacionais Nélson Oliveira e Pizzi (convocados por Portugal) e seguramente reservará ao tocado Zé Castro, pero podería dar minutos aos menos habituais, como Roderick e Tiago Pinto (fichaxes que aínda non debutaron en Liga), André Santos, Salomão, Saúl ou Bodipo, desprazando ata Pasarón a todos os xogadores dispoñibles, xa que ante o parón ligueiro en primeira división, a súa meta é preparar a conciencia o seu próximo compromiso en Riazor no que deben recibir ao Barcelona.
Pola súa banda, Milo Abelleira, que onte realizou unha sesión de adestramento no campo de Príncipe Felipe, pretende opoñer aos herculinos o seu once de gala na primeira parte, coa salvidade de Santi Domínguez e Jacobo, que arrastran lixeiras molestias físicas, sen maior importancia, pero que aconsellan reservalos para o compromiso ligueiro do domingo, fronte ao Somozas, para dar entrada ao longo do partido ao resto do equipo, e mesmo xogadores do filial e xuvenil que veñen adestrando co primeiro equipo.
O consello de administración do Pontevedra fixou como prezo das localidades o mesmo que vén sendo habitual nos partidos oficiais de liga, é dicir: Tribuna 18 (adultos) e 9 (júnior 12-18 anos), Preferencia 14 e 7 e Fondos 10 e 5 . Os socios terán libre acceso presentando o seu carné da tempada actual e os menores de 12 anos tamén terán entrada gratuíta presentando convite do club, que poderá ser recollida nas oficinas do Pontevedra, na rúa Benito Corbal. Os despachos abrirán ao público dúas horas antes do partido, podendo igualmente ser retiradas ata ese momento nas propias oficinas do club granate.