Definido o calendario do Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra 2017
Por Diego Espiño
Só uns días despois de entregar os premios aos gañadores da súa cuarta edición, o Instituto Municipal de Deportes publicou o borrador de regulamento do que será o V Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra (CCCP).
Despois de catro anos sen cambios no número de probas, con seis carreiras, en 2017 o CCCP contará con sete citas repartidas ao longo do ano, ao incorporarse o Urban Trail Night Pontevedra.
Desta forma, e a expensas de pequenos cambios, o Circuíto estrearase coa Carreira de San Brais (29 de xaneiro), para continuar coa Urban Trail Night (data por determinar), a Carreira Pedestre de Monte Porreiro (26 de marzo), Campañó (27 de maio), Ponche Noite 5+5 (17 de xuño), Santiaguiño do Burgo (25 de xullo) e o Medio Maratón de Pontevedra (22 de outubro).
Ao contar cunha proba máis no calendario o prezo de inscrición tamén se incrementa lixeiramente, dos 35 euros da pasada edición ata os 40 euros (55 se non se conta con chip), podendo anotarse ata o fin do prazo da terceira carreira, a de Monte Porreiro.
O regulamento aínda non é definitivo, tendo en conta que se habilitou un prazo para as suxestións dos deportistas, que poden facerllas chegar ao Servizo de Deportes do Concello de Pontevedra a través da páxina de Facebook do CCCP, no correo electrónico imdtecnico@pontevedra.eu ou nas oficinas do Pavillón Municipal dos Deportes (de 8:30 a 14:00 horas de luns a venres).
Relacionadas:
-
Víctor Riobó e Mari Ángeles Castro, gañadores nunha carreira de San Brais pasada por auga
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
A IX Carreira de San Brais, de novo punto de partida do Circuíto de Carreiras Populares
Por Diego Espiño |
-
Abre o prazo de inscrición para o V Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra
Por Redacción |
-
O Circuíto de Carreiras Populares coroa aos campións da súa cuarta edición
Por Diego Espiño |
-
Un trail urbano nocturno, novidade do Circuíto de Carreiras Populares 2017
Por Redacción |
-
O Medio Maratón de Pontevedra supérase na súa XXI edición
Por Diego Espiño & Diego Torrado |