O Portonovo mantén o tipo impoñéndose ao Unión Grove (1-2) nun polémico partido
Por Redacción
Posiblemente sen merecelo pero xustificando a súa posición de equipo aspirante ao ascenso, o Portonovo necesitou moi pouco para levarse os tres puntos do Monte da Vila e manter o ritmo nos postos de cabeza.
Os de Ricardo Fernández conseguiron gañar un encontro marcado pola polémica, polo menos en relación ao que reclamou insistentemente o equipo local e os seus afeccionados, que protestaron moito o penalti que supuxo o empate dos arlequinados despois de que se tivese adiantado o Unión cun tanto de Álex, tamén grazas a unha pena máxima. Ademais, antes do descanso, o colexiado expulsou a Ameixeiro por vermello directo.
Con superioridade numérica o Portonovo logrou desnivelar o marcador xa na segunda metade grazas a Melchor no minuto 53. Co Grove envorcado os visitantes puideron mesmo ampliar a renda á contra pero o electrónico xa non se moveu.
A vitoria suponlle ao Portonovo manterse terceiro a un punto do segundo posto que ocupa o Gondomar e dá dereito ao ascenso á Terceira División.
USD O GROVE (1): Andro, Anxo, Alexis, Iván (Félix, min.65), Ameixeiro, Iago Nogueira, Mateo (Muelles, min.54), Turu (Borja, min.59), Ramón, Álex, Siño (Ameneiro, min.63).
PORTONOVO SD (2): Marcos, Caste (Gándara, min.63), Bolo, Iván Renda, Suso Bea, César, Suso, Víctor, Manu Sieiro (Angelito, min.79), Melchor, Álex Cubas (Iván Dadín, min.89).
Árbitro: Pérez Montoto (A Coruña). Amonestou a Álex e Iván no Unión Grove e a Caste, Marcos, Suso, Víctor, Suso Bea, Angelito e Melchor no Portonovo. Expulsou ao xogador local Amexeiro con vermello directo (min.42).
Goles: 1-0, Álex, de penalti, min.18; 1-1 Suso, de penalti, min.22; 1-2 Melchor, min.53.
Incidencias: Partido disputado no Monte da Vila, O Grove.