Feel Cortegada vence na prórroga en León (69-76) e clasifícase para a fase de ascenso a falta de catro xornadas
Por Redacción
A pesar de todas as dificultades, cando os marcadores dos últimos partidos non parecían presaxiar nada bo, o Feel Cortegada soubo rexurdir nunha pista sempre complicada como a do Aros León, e aínda que tivo que esperar á prórroga, anotarse unha vitoria que lle dá a clasificación matemática para a fase de ascenso, cando aínda restan catro partidos para a conclusión da tempada regular.
Cando todo parecía perdido para as rapazas de Pepe Vázquez, lastradas polas persoais, dous triplos de Salomé García no último minuto permitían ao conxunto vilagarciano levar o partido á prórroga.
Curiosamente foron os lanzamentos triplos, que na pasada xornada custaran a derrota fronte ao Adba, os que deron vida ao Cortegada en León. Dous triplos de Montse Gilabert e outro de Salomé García permitían a vantaxe visitante no primeiro parcial, vantaxe que se vería reducida no segundo, cando o Cortegada sufriu varias perdas de balón que aproveitou o Aros para reducir diferenzas.
Con Montse Gilabert e Ilenia Manzanares cargadas con 3 persoais, o Cortegada viu como as leonesas empataban o partido, a falta de pouco máis de seis minutos (48-48) e marchaban cunha vantaxe de seis puntos que parecía definitiva. Quedaban 54 segundos por xogar. Suficiente para que Salomé García encadease dous triplos consecutivos dende a esquina. O Aros aínda tivo unha última posesión para facerse coa vitoria, pero Cortegada defendeu ben para irse á prórroga.
As locais non asimilaron a mazada, e no tempo suplementario o Feel Cortegada foi claro dominador para anotarse unha sensacional vitoria.
C.B. AROS LEÿN (69): Natalia López (24), Ana Rivilla (3), Débora González (11), Isabel García (7), Sandra Martínez (10) -cinco inicial-, Isabel Fernández, De la Iglesia, Benet (12), Barazón e López (2).
FEEL CORTEGADA (76): Montse Gilabert (16), Salomé García (16), Ilenia Manzanares (7) Amy Syll (20), Andrea Ríos (5) -cinco inicial-, Sbahi (3) e Lucía Méndez (9).
Árbitros: Juan Francisco González e Jorge González. Eliminadas por faltas persoais Débora González (minuto 44), Montse Gilabert (minuto 42) e Sbahi (minuto 44).
Marcadores parciais: 13-17, 13-14 (26-31, descanso), 18-12 (44-43), 18-19 (62-62, final) e 7-14 (69-76, final prórroga).