De novo o último cuarto condena o Arxil que perde (78-61) na súa visita ao líder Universitario de Ferrol
Por Redacción
Impúxose a lóxica, pero tamén un estraño costume que esta tempada parece perseguir o Arxil. O conxunto verde visitaba a cancha do líder da categoría, o Universitario Ferrol, primeiro contra último, a balanza parecía desequilibrada, e o resultado final que reflectía o marcador, favorable ás ferrolanas (78-61) así parece indicalo, non obstante as de Mayte Méndez estiveron no partido ata ese fatídico último cuarto que tantas vitorias fixo malograr.
Aínda que os comezos non foron bos, o Arxil emendou a plana cun parcial favorable no segundo cuarto, mantendo a igualdade no terceiro. Chegábase ao parcial definitivo con só tres puntos de desvantaxe e a esperanza de dar unha das grandes sorpresas da tempada, pero chegou o habitual baixón no rendemento das pontevedresas, e o xogo exterior, cunha alta porcentaxe de acerto nos triplos do equipo local, decidiu un marcador enganoso na súa elevada diferenza final.
UNIVERSITARIO FERROL (78): Cris Pedrals (12), Kate Mills (18), Lorena Touza (5), Tajay Ashmeade (11), Raquel Asensio (20) -cinco inicial-, Marina Feijoo (3), Saray Calvo, Gema Pazos, Iria Villar, Ana Alejo (9), Carmen Fernández e Raquel Montiel.
C.B. ARXIL (61): Sandra Entenza (8), Ana Martín (6), Carla Fernández (5), Zara Huntley (8), Olga Federova (24) -cinco inicial-, Jara Tuda (3), Estefanía López (3), Cristina Díaz-Pache (2) e Natalia Soage (2).
Árbitros: Álvaro Cubero Rodríguez e Adrián Cid Gallego.
Marcadores parciais: 26-19, 13-17 (39-36, descanso), 14-14 (53-50) e 25-11 (78-61, final).
Incidencias: Pavillón de Esteiro (Ferrol). 200 espectadores.