Pablo Galán e un enorme Cisne apean o Zamora do liderado (22-21)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Coas súas propias armas, así gañou o Cisne ao ata agora líder Zamora. Defensa e un inmenso Pablo Galán baixo paus, que eclipsou a figura na portería contraria dun dos gardametas estrela da categoría como Leo Maciel. Foi un partido intenso, vibrante, cheo de alternativas, que levaron con xustiza os brancos, pola súa fortaleza mental e por saber xogar con máis apromo os minutos craves.
Certo que puido gañar calquera, xa que ambos os equipos tiveron o partido nas súas mans nun últimos cinco minutos de vertixe, nos que os erros en ataque penalizaron máis aos visitantes, como a punto estiveron de custar o triunfo ao cadro pontevedrés, que se mantivo en pé grazas á figura do seu porteiro, decisivo todo o partido, pero moi especialmente na segunda metade e nesas últimas accións nas que se fixo xigante para os lanzadores rivais.
Sobre o papel tratábase dun partido entre un dos mellores ataques, o do Cisne, e unha das mellores defensas, a de Zamora. Iso facía pensar que un marcador cun tenteo baixo favorecería aos casteláns. Os de Jabato aceptaron o reto de xogar con menos posesións que de costume, coas mans atadas pola compacta defensa rival e o que parecía un suicidio foi precisamente o que lles levou á vitoria.
A primeira parte foi un continuo carrusel de emocións. Comezou mellor o Zamora, repúxose o Cisne, que mediado o período remontaba e poñíase por primeira vez arriba (8-7) cun gol de David Chapela. Retomaba o mando o conxunto visitante, aínda que sempre sen conseguir irse por máis de dous goles, e terminaba empatando o Cisne, grazas a un gol de Xosé Canedo sobre a bucina (12-12).
Pero se a primeira parte foi intensa, as emocións máis fortes quedaban para unha segunda que comezaba con Pablo Galán subindo o nivel da súa achega ata cotas incribles. Nin sequera o mellor xogador zamorano, Octavio, era capaz de superar a figura do porteiro local.
A pesar diso, Zamora lograba de novo a súa máxima vantaxe cun parcial de 0-3, para poñerse dous arriba (14-16) no minuto 40. Jabato pediu tempo morto e o seu equipo reaccionou subindo aínda máis o seu nivel defensivo, con Miguel Simón realizando unha tarefa magnífica.
Guille Rial dirixía, David Chapela fixaba á defensa contraria e anotaba goles, apoiado por Pablo Gayoso e Iago Cuadrado facía bos os segundos balóns, transformando en gol dous balóns perdidos tras paradas de Leo Maciel. A bancada comezaba a crer na posibilidade de bater ao líder cando Guille Rial poñía por diante aos brancos (20-19).
Quedaban algo máis de seis minutos e o Cisne dispuxo ata de cinco balóns para ampliar a conta a dous, pero atascouse en ataque, cometendo varios erros que lle puideron custar moi caros. Compensounos en defensa, apertando os dentes e facendo boa o labor dun Pablo Galán que seguía ao seu.
Aínda así Zamora por medio de Jortos dáballe a volta ao marcador (20-21) con apenas 1' 20" por xogar. Parecía perdido, pero Jabato pediu tempo morto e desatascou aos seus que empataban por medio de Pablo Gayoso nunha acción moi protestada por Leo Maciel, que estimou que o balón non entrara. Quedaban 34 segundos con balón para Zamora.
O empate dábase por bo, pero Facundo Cangiani topouse con Pablo Galán e terminou cometendo falta de área, o que lle dió unha última posesión ao Cisne e 15 segundos para xogala. Sobráronlle oito. Os locais buscaron e atoparon a superioridade polo extremo, onde Javi Vázquez fixo saltar a banca marcando o gol da vitoria. Pablo Galán, sempre el, encargouse de anular o último lanzamento á desesperada de Zamora, deixando o liderado en Pontevedra, a mans dun Teucro que vencía en Bordils e agradecía desde a distancia o favor dos seus veciños.
BM CISNE (22): Pablo Galán; Adrián Menduiña (3), Pablo Picallo, Carlos Pombo (2), Iago Cuadrado (2), David Chapela (5), Guille Rial (2) -sete inicial-, Toño Lafuente (p.s.); Xosé Canedo (2, 1 de penalti), Álex Chan, Fabián González, Miguel Simón, Javi Vázquez (3, 1 de penalti), Pablo Gayoso (3), Pepe Camiña e Alejandro Conde.
MMT SEGUROS ZAMORA (21): Leo Maciel; Ceballos (2), Marc Ábalos, Peli (1), Jortos (3, 1 de penalti), Gastón Mouriño (2), Facundo Cangiani (4) -sete inicial-, Luís Posado (p.s.); Ánder Iriarte (2), Octavio (6), Iñaki Gomez, Guille, Carlos Prieto, Adrián Prieto (1) e Fernando Ruiz.
Árbitros: Juan Manuel Vinagre Vázquez (Estremadura) e Pablo García Sánchez (Andalucía). Excluíron dous minutos a Pablo Picallo e Carlos Pombo, polo Cisne, e a Marc Ábalos, Jortos, Gastón Mouriño e Adrián Prieto, polo Zamora.
Marcador (cada cinco minutos): 1-2, 4-5, 6-7, 8-7, 8-10, 12-12 (descanso), 13-13, 14-16, 16-17, 18-18, 20-19 e 22-21 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Uns 400 espectadores.
Relacionadas:
-
O Cisne anuncia a saída de Fabián González antes de viaxar a Xixón
Por Redacción |
-
Sobre a bucina gaña o Cisne ao Atlético Novás (25-24) no Memorial Manuel Luaces
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
O Cisne volve á actividade e xa se prepara para a segunda volta
Por Redacción |
-
O Cisne encoméndase ao Municipal para recibir ao líder Zamora
Por Diego Espiño |
-
O Cisne exhibe a súa "cara B" a domicilio e cae en Zarautz (26-24) fronte a Amenabar
Por Redacción |
-
O País Vasco espera a un Cisne que quere manterse na pomada
Por Redacción |
-
Malleira do Cisne ao BM Nava (30-18) para subirse ao tren de cabeza
Por Ramiro Espiño & Mónica Patxot |