Coa vitoria en Santiago (1-2) o Pontevedra xuvenil acaricia a permanencia
Por Redacción
Vitoria sobre a bucina, pero xusta e merecida dun Pontevedra xuvenil que cos tres puntos deixa practicamente condenado ao seu rival á vez que dá un paso de xigante cara á permanencia na División de Honra Xuvenil, a falta de cinco xornadas para finalizar o campionato.
A primeira parte foi de dominio alterno. Adiantouse o conxunto local, pero os granates conseguirían a igualada por medio dun Tomás que está a ver porta con facilidade nos últimos partidos e que ademais se facía a si mesmo e ao seu equipo un regalo especial no día do seu cumpleanos.
Pero se os primeiros corenta e cinco minutos non tiveron dono, a segunda parte foi de neto dominio visitante. Os granates xeraron un elevado número de ocasións para adiantarse no marcador, e non obstante a punto estiveron de verse sorprendidos no minuto 60, cando nunha contra o árbitro sinala un máis que discutible penalti a favor do Santiago de Compostela amoestando ademais a Emilio, que non poderá xogar a próxima semana. Lavandeira encargouse do lanzamento, pero o meta Adrián consegue deter o disparo.
A partir de aí foi un acoso total do Pontevedra en busca do tanto que lle dera a vitoria. Unha tras outra as ocasións xeradas quedábanse en nada ante a falta de puntaría dos dianteiros granates, ata que no último minuto chegaba por fin o gol de Pibe e con el a explosión de alegría de todo o equipo, conscientes de que se dera un paso case definitivo para a salvación, nunha tempada que non comezara con bos presaxios.
SANTIAGO DE COMPOSTELA, C.F. (1): Pablo; Ángel (Javi, min. 75), Aitor, Martín, Jano (Joel, min. 90), Vidal, Mateo (Jaime, min. 75), Mario, Adrián (Lavandeira, min.62) Samuel e Abelenda.
PONTEVEDRA, C.F. (2): Adrián, Puyi (Marwan, min. 82), Yago (Adrián Martínez, min. 62), Marou, Emilio, Tomás, Bruno, Joni, Pibe, Jaime (Kevin, min. 75) e Dani.
Árbitro: Pablo Botana Rey (Santiago), auxiliado nas bandas por Losas Otero e Maquieira Otero. Amoestou a Lavandeira, Emilio e Marou.
Goles: (1-0) Minuto 17: Adrián. (1-1) Minuto 35: Tomás. (1-2) Minuto 90: Pibe.
Incidencias: Campo de Santa Isabel (Santiago). Uns 50 espectadores.