Monumental partido do Teucro para vencer (33-27) ao Palma del Río e confirmar a súa candidatura ao ascenso
Por Diego Espiño & Cristina Saiz
A Sociedad Deportiva Teucro reforzou este sábado a súa candidatura á única praza de ascenso á Liga Asobal ao vencer con claridade ao que chegaba como colíder da clasificación, o Palma del Río.
Cunha intensa defensa na primeira metade, a notable achega de Lloria e Santana en portería e a eficacia de Carlos García nos lanzamentos de sete metros (6 de 6), dominaron o choque de principio a fin.
O Teucro comezou mandando no electrónico nuns primeiros minutos nos que o Palma del Río mantíñase ameazante co seu ataque pero que sufría primeiro co 5-1 defensivo exposto por Quique Domínguez e despois co 6-0.
Foi mediado o primeiro acto, a partir dunha exclusión de Requena nos cordobeses, cando os azuis aproveitaron para marcar a primeira diferenza importante cun parcial de 3-0 e poñerse 10-6 no marcador.
Tentou reaccionar o Palma del Río pero Lloria (seis paradas de mérito no primeiro acto) e Santana con dous penaltis detidos de maneira consecutiva desesperaron ao equipo visitante, que quedou con só 10 goles ao descanso e unha desvantaxe de seis (16-10).
O público despediu aos seus cunha ovación no intermedio, e o equipo respondeu ao comezo do segundo acto elevando a renda ata os oito goles (18-10). Reaccionaron entón os visitantes, aproveitando a segunda exclusión de Medina para, cun parcial de 0-4 (18-14), meterse de novo no choque e obrigar a Quique Domínguez a pedir tempo morto.
Parou a dinámica o equipo pontevedrés, subindo de novo ata os seis de vantaxe cando, a falta de 11 minutos unha dobre e protestada exclusión, especialmente a do extremo Ángel Iglesias, abría a porta á remontada para os visitantes.
Aproveitárono para poñerse a tres (26-23) en primeira instancia e despois a só dous goles de distancia (27-25 e 28-26), pero o Teucro non se descompuxo e tirou de garra para con tres tantos seguidos encarrilar un triunfo merecido que xa non escaparía.
Non afrouxou o Teucro ata o final, consciente da importancia que pode ter o average a final de liga, e é que os azuis con este triunfo sitúanse na segunda posición a un só punto do agora líder en solitario, o Zamora, e cun de renda sobre o Palma del Río, os tres equipos que parecen destinados a pelexar pola única praza de ascenso directo.
SD TEUCRO (33): Lloria, Pichel (6), Borja Méndez (2), Samu Gómez (5), Carlos García (10, 6p), Dani Hernández (3), Edu Moledo -siete inicial- Medina (1), Óscar Silva (1), Quintas, Santana, Román Pedreira, Altirriba, Iglesias (5).
PALMA DEL RÍO (27): Manuel López, Del Castillo (2), Morales (6, 5p), Yoel Moreno, Requena (3), Alonso Moreno (1p), Casado (8) -siete inicial- Tavares (5), Antonio Caro, Esteban López, Joan Costa, Consuegra (2), Morgado.
Árbitros: Colmenero Guillén e Rollán Martín (Castilla León). Excluíron a Medina (3), Dani Hernández, Ángel Iglesias e Óscar Silva no Teucro e a Requena, Caro, Casado e Yoel Moreno no Palma del Río.
Marcador cada cinco minutos: 3-2, 5-3, 7-6, 10-6, 13-9, 16-10, descanso, 18-12, 20-15, 23-19, 25-21, 29-26, 33-27.
Incidencias: Partido disputado no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra ante preto de 1.200 espectadores. O Teucro organizou unha recollida solidaria de alimentos, recadando preto de 200 quilos de comida que será doada ao Comedor Social de San Francisco.
Relacionadas:
-
O Teucro xogará un amigable no Municipal ante a Selección Xaponesa o día 9 de xaneiro
Por Redacción |
-
Vitoria do Teucro en Bordils para pechar a primeira volta como líder (21-26)
Por Redacción |
-
O Teucro viaxa sobre aviso a Bordils para afrontar a última xornada do ano
Por Diego Espiño |
-
Partido polo liderado entre Teucro e Palma del Río no Municipal
Por Diego Espiño |
-
Un gol sobre a bucina evita o triunfo do Teucro en Barcelona (31-31)
Por Redacción |
-
Sofre o Teucro pero remonta e gaña a un bo Alcobendas (32-28)
Por Ramiro Espiño & Cristina Saiz |