Loito no balonmán pontevedrés polo falecemento de Pablo Herbello
Por Redacción
O balonmán pontevedrés e galego tinguiuse de loito despois de coñecer o falecemento de Pablo Herbello na mañá deste venres. O xogador, de 33 anos, non logrou superar a enfermidade que o obrigou a retirarse do balonmán hai dúas tempadas, cando militaba no Atlético Novás.
Ademais de no equipo do Rosal, onde estivo os últimos sete anos da súa carreira, Herbello militou no Bueu Atlético, onde se formou, e na Sociedad Deportiva Teucro, club no que permaneceu dúas tempadas.
Paradoxalmente dous dos seus equipos, Bueu e Atlético Novás, debían enfrontarse este sábado en partido da Primeira Nacional, un encontro que foi aprazado. No resto de canchas, por proposta da Federación Galega, gardarase un sentido minuto de silencio en memoria do central.