Segue a costa abaixo do Arxil que se afunde ao final ante Segle XXI (66-72)
Por Redacción & Cristina Saiz
Terceira derrota consecutiva do Arxil, que segue nunha perigosa caída, acusando os problemas físicos que afectaron ás súas xogadoras claves. As pontevedresas non puideron cun Segle XXI que se fai forte na categoría.
O triunfo das visitantes fraguouse nunha gran segunda metade de partido á que chegou cinco puntos abaixo e especialmente no último cuarto, no que as catalás deixaron ao Arxil nunha raquítica anotación de 10 puntos.
Outra das claves do resultado final estivo no acerto no tiro exterior no que Arxil realizou un pobre 2 de 16 (12%) nos lanzamentos triplos, mentres as catalás asinaron 8 de 17 (47%).
Aínda por riba, as visitantes dominaron tamén a loita baixo taboleiros, capturando 43 rebotes por 32 das pontevedresas.
A igualdade presidiu a primeira parte, con empate (15-15) no primeiro cuarto, e lixeiro dominio das de Mayte Méndez no segundo, para irse ao descanso con cinco arriba (36-31).
Pero na segunda parte Segle XXI impúxose aos poucos. Primeiro anotouse o terceiro cuarto (20-23) para entrar no último e definitivo parcial dous abaixo (56-54), no que asinaron un contundente 10-18 que lles deu a vitoria final (66-72).
Destacaron os 15 puntos e 8 rebotes de Aina Ayuso e os dez rebotes de Silvia Serrat, polas visitantes, así como os 21 puntos de Minata Keita e os 18 de María Lago, polas arxilistas.