O Waterpolo Galaico desprázase á Coruña para comezar a súa loita polo título de Liga
Por Redacción
Comeza a hora da verdade para o Club Waterpolo Galaico Pontevedra. O equipo absoluto masculino comezará a loita polo título de liga. Enfrontarase, este sábado 2 de marzo, ao Club Natación Coruña no primeiro partido das semifinais do playoff da primeira división da Liga galega.
O segundo e terceiro clasificado da liga regular (pontevedreses e coruñeses respectivamente) xogaranse o pase á final nun duelo ao mellor de tres partidos, que se celebrarán os días 2, 9 e 16 de marzo. Na outra semifinal enfrontaranse CW Santiago e Club Marina Ferrol.
Este primeiro partido xogarase na piscina do INEF Coruña ás 16:00 horas. Preséntase como un partido e unha eliminatoria moi disputada, posto que na liga regular o CW Galaico Pontevedra venceu en Coruña por 7-10, mentres que o CN Coruña venceu en Pontevedra por 13-11 hai só dúas semanas.
A outra cita para o CW Galaico Pontevedra será na piscina do CGTD de Pontevedra onde o club do Lérez recibirá á Asociación Coruñesa de Waterpolo para disputar tres partidos das Ligas Galegas de Waterpolo nas súas categorías inferiores.
Ás 17:00 horas comezará o partido dos máis pequenos do waterpolo galego, a Liga Galega Benxamín de Mini-Waterpolo. Nesta liga o menos importante é o marcador final, senón que os futuros waterpolistas gocen deste deporta, do mesmo xeito que os seus familiares que seguro encherán as gradas da piscina.
A continuación (17:45 horas) comezará o partido de Liga Galega Alevín, tamén en formato de mini-waterpolo. Nesta categoría tamén se prima a formación sobre o resultado, aínda que en caso de sumar outra vitoria, os pontevedreses faríanse co título autonómico.
Para rematar e pechar unha longa xornada, disputarase o partido de Liga Galega Infantil (19:00 horas). Os pontevedreses, que adestran xa con vistas ao Campionato de España, tratarán de facer un bo partido.