Isabel Castro arrebata o triunfo a Irene Trabazo na Copa Galicia de Ciclocross de Marín
Por Redacción & Diego Torrado
Era a principal favorita entre as mulleres, sobre todo por correr en casa, pero Irene Trabazo non puido brindar o triunfo á súa afección. A ciclista marinense viuse superada por Isabel Castro na proba da Copa Galicia de ciclocrós que se disputou este domingo no circuíto de Chan do Xaxán. Quedou en segunda posición.
A décimo cuarta edición da cita organizada polo Club Ciclista Marín reuniu a 215 participantes neste esixente trazado.
Trabazo repetiu a segunda praza lograda o día anterior no Rosal. O triunfo arrebatoullo a líder da Copa Galicia, Isabel Castro, que protagonizou unha actuación de menos a máis.
A marinense do equipo Meruelo rodou en primeira posición ata o tramo final, onde non foi quen de responder á reacción da representante do Fornelos. Castro gañou cun crono de 57:37, a 1:11 finalizou Trabazo e Desiree Duarte completou o podio chegando a 2:11 da súa nai e compañeira de equipo.
Na proba masculina, o triunfo foi para Samuel González (Salvaterra) quen xunto co seu compañeiro Mauro González dominou a proba de principio a fin.
Cun tempo de 56 minutos e 9 segundos presentáronse na liña de meta con 24 segundos de marxe respecto de Adrian Valverde (Club Ciclista Rías Baixas). Unha vantaxe que lles permitiu celebrar a vitoria collidos da man, antes de que Mauro deixase pasar por diante a Samuel, mellor clasificado na xeral da Copa Galicia.
No resto de carreiras destacou o triunfo do junior Pablo Álvarez (Cambre) que lle serve para recuperar o primeiro posto na clasificación xeral da súa categoría.
O cadro de gañadores completárono Antía Martínez (Maceda) e Carlos Canle (Maceda) nos cadetes, Sara Trigo (Cidade de Lugo) nas juniors, Andrés Calvete (Cambre) nos Máster-30, Manuel Armada (Asoc. Galega) nos Máster-40 e Marcial Rodríguez (Quebici-Marcisport) nos Máster-50/60.
Relacionadas:
-
A tempada de ciclocrós abre en Marín
Por Redacción |
-
Guillermo García e Irene Trabazo, opcións marinenses no Campionato de España de Ciclocrós
Por Redacción |
-
Aprendizaxe e sufrimento a partes iguais para Irene Trabazo no berce mundial do ciclocrós
Por Redacción |
-
Samuel González e Isabel Castro, vencedores en Campañó nunha gran xornada de ciclocrós
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Pontevedra recupera o seu idilio co ciclocrós
Por Diego Espiño |
-
A Copa Galicia de ciclocrós fai parada en Marín
Por Redacción |
-
Marín e Pontevedra, paradas da Copa Galicia de Ciclocrós que se estrea en Narón
Por Redacción |