Boa imaxe do Teucro, superado na segunda parte polo Sinfín (28-33)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Hai veces que un resultado non reflicte en absoluto a igualdade existente na pista. Este foi o caso. Os cinco goles de diferenza cos que o Sinfín deixou fóra da Copa do Rei ao Teucro, ben pouco teñen que ver coas dificultades que o equipo azul opúxolle aos cántabros, que só moi ao final puideron ampliar a súa renda.
Ben é verdade que os visitantes levaron o partido con relativa comodidade na segunda parte, pero tamén que o Teucro nunca se foi do partido, manténdose sempre a dous ou como moito tres goles de distancia, a pesar da escasa achega en portería dun desafortunado Santana, ao que Alberto Pla amargou a noite.
O arranque ofreceu a un excelente Teucro. Con García Lloria firme baixo paus, a defensa azul maniataba aos lanzadores visitantes, a pesar da rigorosidade arbitral cos de Quique Domínguez, que deixaron claro coa primeira exclusión a Dani Hernández, cando só se disputaran 20 segundos de partido e que logo repetirían na segunda parte, descualificando con vermella directa a Johnny Medina, nunha acción que non pareceu tan grave.
Como resultado dese bo xogo, o Sinfín viuse sorprendido cun 4-0 inicial e coa súa incapacidade para lograr o primeiro gol ata o minuto 9 de partido, e para iso a través dunha contra. A diferenza subiría ata os cinco goles a favor do Teucro (6-1) aos 11 minutos, e mesmo puido ser maior de non fallar Carlos García e Dani Hernández dous lanzamentos de sete metros.
O bo xogo teucrista levou aos de Quique Domínguez a mandar con autoridade ata o minuto 20, a pesar de que aos poucos os cántabros ían entrando no partido, para conseguir remontar e poñerse por primeira vez con vantaxe (10-11) aos 26 minutos, tras dous penaltis transformados por Jorajuría e ir ao descanso cun inmerecido 12-14, froito de accións puntuais, así como da súa maior experiencia na pista.
Ao regreso de vestiarios o Teucro fíxoo con ganas, chegando a neutralizar a vantaxe visitante (15-15), pero Sinfín xa non se permitiría máis alegrías. Entre Calderón e Alberto Pla empezaron a traducir case cada ataque en gol, a pesar dos cambios de sistema defensivo que tentou Quique Domínguez. Así, os cántabros abriron unha pequena brecha que oscilou constantemente entre dous e tres goles, e souberon mantela ata o final, aproveitando o últimos cinco minutos para conseguir a súa máxima vantaxe (27-33) e terminar vencendo por unha marxe de cinco goles, xusto, pero esaxerado para os méritos duns e outros.
SD TEUCRO (28): García Lloria; Johnny Medina, García Pichel (6), Quintas (1), Carlos García (4, 2 de penalti), Dani Hernández (3), Iglesias (1) -sete inicial-, Santana (p.s.); Óscar Silva (2), Borja Méndez (5), Iván Fernández (2), Samu Gómez (4), Carlos Gerhartd, Román Pedreira, Sergio Altirriba e Aarón Díaz.
BM SINFÍN (33): Ernesto Sánchez; Iván Amarelle (2), Postigo (5), Óscar Río (2), Calderón (5), Herrero Lon (4), Jorajuría (3, 2 de penalti) -sete inicial-, Makaria (p.s.); Diego Muñiz, Nikolai, Alberto Pla (8), Blázquez (1), Jorge Prieto, Pablo Paredes e Ros (3).
Árbitros: Jesús Álvarez Menéndez e José Carlos Friera Cavada (Asturias). Descualificaron con vermella directa ao xogador do Teucro, Johnny Medina (minuto 37). Excluíron dous minutos a Dani Hernández, Johnny Medina, Carlos Gerhartd e Samu Gómez, polo Teucro, e a Óscar Río, Nikolai e Calderón, polo Sinfín.
Marcador (cada cinco minutos): 2-0, 5-1, 6-3, 8-6, 10-10, 12-14 (descanso), 15-15, 17-20, 21-24, 24-27, 27-30 e 28-33 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Segunda eliminatoria da Copa do Rey. 535 espectadores.
Relacionadas:
-
Edu Moledo regresa á convocatoria do Teucro para partido de liga en Xixón
Por Diego Espiño |
-
O Teucro recupera efectivos
Por Diego Espiño |
-
Memorable derbi e triunfo agónico do Teucro sobre o Cisne (32-31)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Teucro-Cisne, máis de 30 anos esperando por este partido
Por Diego Espiño |
-
Unha semana para namorados do balonmán
Por Redacción |
-
Un contundente Teucro repite triunfo en Zarautz (20-29) e mantense á alza
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Teucro e Cisne, unidos na promoción do balonmán galego
Por Redacción |