Partidazo do Cisne que só cede ao final fronte ao Ciudad Encantada (30-32)
Por Ramiro Espiño & Mónica Patxot
Pouco faltou para que saltase a sorpresa no CGTD. O Cisne realizou un partidazo e fixo sufrir ata o final a un Ciudad Encantada que estivo con pé e medio fora do torneo do KO, e que só na recta final foi capaz de impoñer a súa maior pegada en ataque para terminar remontando nos dous últimos minutos un resultado que se lles puxo moi costa arriba.
Os pontevedreses levaron a iniciativa no marcador durante a maior parte do tempo, aínda que con rendas curtas que pronto eran neutralizadas polo equipo conquense. Cun excelente Toño Lafuente baixo paus, Adrián Menduiña erixiuse nun verdadeiro pesadelo para Kilian Santana, que só na segunda parte foi capaz de deterlle dous dos seus lanzamentos.
Con moitos erros nos lanzamentos, o Ciudad Encantada vía como o Cisne íase crecendo a medida que pasaba o tempo. Sempre con vantaxes mínimas ou como máximo de dous tantos, os de Jabato realizaron unha excelente defensa, xogando con moito criterio en ataque, a pesar de que o técnico local apenas puido dispoñer máis que nos primeiros 15 minutos de David Chapela, afectado dun inoportuno proceso gripal que lle levou ao banco para non volver participar no partido.
Esa baixa notouna a longo prazo o equipo branco, que botou de menos algo de lanzamento exterior para sentenciar o partido en momentos craves do xogo, especialmente na segunda parte, deixando a responsabilidade da primeira liña case en exclusiva para Carlos Pombo, ademais das penetracións de Guille Rial, excelente na dirección de xogo.
Co marcador apertado, Ciudad Encantada sacou proveito dun par de erros en ataque dos locais para irse ao descanso con vantaxe mínima (12-13), pero o Cisne xa se meteu na cabeza que podía ir a por a eliminatoria, e ao regresar a pista saíu decidido a tentalo.
Un parcial inicial de 3-0 poñía de novo con vantaxe aos locais. Contestaba Ciudad Encantada con outro parcial maior (1-5) para poñer o marcador coa máxima vantaxe de que dispoñerían (16-18). Parecía que podía ser definitivo, pero o Cisne non se rendeu e con dous goles consecutivos de Javi Vázquez igualaba de novo (22-22), no minuto 47.
Os visitantes descentráronse por mor dunha exclusión dobre (2+2) de Nacor Medina e entraron nun rosario de exclusións que lles obrigou a xogar bastantes minutos en inferioridade. Aproveitouno o Cisne para escaparse. Javi Vázquez, Guille Rial e Adrián Menduiña elevaron o marcador ata un ilusionante 25-22, a máxima vantaxe do choque, con pouco máis de dez minutos por xogar e a bancada acesa apoiando aos seus.
Foi o momento en que Ciudad Encantada tirou de oficio e experiencia, apoiados no acerto de Marc Canyigueral e Sergio López. Os visitantes engancharon uns minutos nos que non perdoaban nin unha soa acción de ataque, aproveitando tamén un par de perdas de balón do Cisne, que levaron a Marc Canyigueral a poñer ao seu equipo con vantaxe mínima (27-28) despois de moito tempo, no minuto 55.
Pero o Cisne estaba empeñado en non dar o seu brazo a torcer e aínda tivo unha nova ocasión de materializar a sorpresa eliminando a un rival de Asobal. Con 29-29 no marcador, a falta de dous minutos, Kilian Santana, amargado todo o partido polo acerto de Adrián Menduiña, páralle ao extremo cisneísta un lanzamento que puido ser clave, para que Vidal suba ao luminoso o 29-30.
A precipitación do Cisne por lograr empatar de novo faille cometer un erro, perdendo o balón e Sergio López aproveita para sentenciar, a pesar de que Guille Rial volveu poñer aos de Jabato a só un gol, a falta de 30 segundos, pero de novo Sergio López non falla, evitando a sorpresa e dando a clasificación ao Ciudad Encantada, fronte a un Cisne enorme.
BM CISNE (30): Toño Lafuente; Álex Chan (2), Pablo Picallo (2), Carlos Pombo (4), Iago Cuadrado (1), David Chapela (1), Alejandro Conde -sete inicial-, Pablo Galán (p.s.); Adrián Menduiña (9, 1 de penalti), Xosé Canedo, Fabián González (1), Miguel Simón, Javi Vázquez (4), Pablo Gayoso (2), Pepe Camiña e Guille Rial (4).
CIUDAD ENCANTADA (32): Kilian Santana; Marc Canyigueral (8), David Mendoza, Vidal (5), Nolasco (3), Sergio López (9, 2 de penalti), Perovic (3) -sete inicial-, Carlos Casas (p.s.); Doldán (3), Nacor Medina (1), Bodoque, Hugo López, Thiago Alves e Leonardo Vial.
Árbitros: Antonio Merino Mori e Javier Moyano Prieto (Castela-León). Excluíron dous minutos a Miguel Simón e Carlos Pombo, polo Cisne, e a Nacor Medina (2), David Mendoza, Vidal (2), Nolasco e ao adestrador Lidio Jiménez, polo Ciudad Encantada.
Marcador (cada cinco minutos): 2-1, 3-3, 5-5, 8-7, 11-10, 12-13 (descanso), 15-15, 16-18, 20-21, 25-22, 27-27 e 30-32 (final).
Incidencias: Pavillón do CGTD (Pontevedra). Segunda eliminatoria da Copa do Rey. Uns 250 espectadores.
Relacionadas:
-
O Cisne, a recobrar impulso ante o "tapado" Covadonga
Por Diego Espiño |
-
Memorable derbi e triunfo agónico do Teucro sobre o Cisne (32-31)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Teucro-Cisne, máis de 30 anos esperando por este partido
Por Diego Espiño |
-
Unha semana para namorados do balonmán
Por Redacción |
-
O Cisne gaña con autoridade a un combativo Bordils (33-26)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
VÍDEO.- Teucro e Cisne, unidos na promoción do balonmán galego
Por Redacción |
-
Unha mala primeira parte condena o Cisne en Palma del Río (29-27)
Por Redacción |