O Cisne gaña con autoridade a un combativo Bordils (33-26)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Gañar dominando o partido ao longo dos sesenta minutos. Iso é o que fixo o Cisne fronte a un rival directo como o Bordils, que loitou ata o final pero foi inferior ao equipo pontevedrés, que non só suma dous importantes puntos para comezar unha semana con tres partidos, derbi local incluído, senón que o fai cunha diferenza importante, ampliada na recta final.
Os de Jabato non deron opción ao equipo catalán, que se nalgún momento estivo preto no marcador foi unicamente polo elevado número de erros nos pases cometidos polos pontevedreses na primeira parte.
Saíu ben o Cisne, que pronto tomou a dianteira, pero a súa habitual relaxación defensiva levoulle a encaixar un parcial de 1-4, que permitiu aos cataláns gozar a súa primeira e única vantaxe do partido (5-6, minuto 10). Os brancos contestaron con contundencia con cinco goles consecutivos para lograr a súa primeira vantaxe importante (10-6) sete minutos máis tarde, pero non aproveitaron esta primeiro oportunidade para romper o partido e os seus erros en pases e precipitacións en lanzamentos permitiron aos visitantes irse ao descanso con só un gol abaixo (14-13) e unha falsa sensación de igualdade que apenas existiu.
De volta á pista outra vez o Cisne faino con firmeza. Pablo Gayoso e David Chapela afinaban os seus lanzamentos e mediado o período volvía a diferenza de catro (23-19), que subiría a cinco a falta de once minutos (26-21). O partido estaba resolto, a pesar de que Bordils tentouno á desesperada cunha mixta sobre Chapela, primeiro, e unha dobre mixta máis tarde ao mesmo Chapela e a Guille Rial. Dous goles seguidos de Pablo Picallo terminaron de sentenciar (30-24), a pesar de que Bordils non deixou de loitar ata o asubío final.
BM CISNE (33): Pablo Galán; Miguel Simón, Javi Vázquez (2, 1 de penalti), Iago Cuadrado (3), Pablo Rey (1), Pablo Gayoso (6), David Chapela (6) -sete inicial-, Toño Lafuente (p.s.); Adrián Menduiña (3), Xosé Canedo (2, de penalti), Álex Chan (1), Pablo Picallo (4), Fabián González, Pepe Camiña (2), Alejandro Conde e Guille Rial (3).
HANDBOL BORDILS (26): Tort (1); Sergi, Uri (3), Dalmau (3), Ignasi, Mario (7), Pep (4, 2 de penalti) -sete inicial-, Joán (p.s.); Xicu (2), Pedri, Robert, Vili (4), Ferrán (2) e Masmi.
Árbitros: Sergio Rodríguez Estévez e Andrés Rosendo López (Galicia). Excluíron dous minutos a Xosé Canedo, Miguel Simón, Iago Cadrado e Alejandro Conde, polo Cisne, e a Xicu e Vili polo Bordils.
Marcador (cada cinco minutos): 4-2, 5-6, 7-6, 10-7, 11-10, 14-13 (descanso), 17-15, 19-17, 23-19, 27-22, 28-24 e 33-26 (final)
Incidencias: Pavillón do CGTD (Pontevedra). Uns 250 espectadores.
Relacionadas:
-
Teucro-Cisne, máis de 30 anos esperando por este partido
Por Diego Espiño |
-
Partidazo do Cisne que só cede ao final fronte ao Ciudad Encantada (30-32)
Por Ramiro Espiño & Mónica Patxot |
-
Unha semana para namorados do balonmán
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Teucro e Cisne, unidos na promoción do balonmán galego
Por Redacción |
-
Unha mala primeira parte condena o Cisne en Palma del Río (29-27)
Por Redacción |
-
Excesivo castigo do Barcelona a un digno Cisne que cede na segunda parte (28-35)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |