Julián Ferreiro estréase ante o Somozas no banco dun Villalonga que gaña (2-1) despois de máis de tres meses
Por Redacción
Catorce xornadas despois volveu gañar o Villalonga. Non o facía dende o pasado 11 de novembro, fai xa tres meses e medio, en que se impuxera en San Pedro ao Cerceda, e conseguiuno no debut do novo técnico Julián Ferreiro, precisamente fronte a un rival que non parecía o máis apropiado, un Somozas que a domicilio tan só fora derrotado ata a data polo Rácing de Ferrol.
E iso que as cousas non puideron empezar peor para o conxunto celeste. Tras unha primeira parte moi disputada pero de escasa calidade e menos oportunidades, a pouco de continuarse o partido o Somozas adiantábase no marcador no seu primeiro disparo a porta, por medio de David Franch, resolvendo un balbordo na área local.
A reacción chegaría das botas de Jorge Fernández que empataría primeiro, apenas seis minutos despois, e logo conseguiría o gol do triunfo ao transformar un penalti por mans dun defensor.
A pesar de que a necesidade do triunfo levou aos nervios locais, cedendo a iniciativa ao Somozas na recta final do partido, o Villalonga soubo aguantar a presión do conxunto visitante para romper a traxectoria negativa e amarrar os tres puntos que lle permiten abandonar os postos de descenso.
VILLALONGA, C.F. (2): Roberto Pazos; Leo, Javi Nogueira, Quini, Isma, Marc, Tenorio, Jorge Fernández (Ramón, min. 89), Saúl, Machu e Diego Oliveira (Pedro, min. 68).
U.D. SOMOZAS (1): Paco Fernández; Ayala, Álex Bao, Piscu, Suso; Nando (Denís, min. 46), Jesu (Emilio, min. 58); Alexandre, Rubén Gómez, Diego Rey (Carlos, min. 68); e David Franch.
Árbitro: Antonio José Leiras Martínez (Lugo). Expulsou a Álex Bao por dobre amoestación no minuto 89. Amoestou a Marc, Saúl, Javi Nogueira, Nando e Rubén Gómez.
Goles: (0-1) Minuto 49: David Franch. (1-1) Minuto 55: Jorge Fernández. (2-1) Minuto 67: Jorge Fernández, de penalti.
Incidencias: Campo de San Pedro (Vilalonga). Uns 500 espectadores.