O fútbol fai xustiza a un Pontevedra mellor que o Racing de Ferrol (1-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Gañou quen o buscou e mereceu. Ese foi o Pontevedra, que tivo enfronte a un Racing de Ferrol excesivamente conservador e defensivo, fiando a súa sorte a que os granates non acertasen, e decidíndose a buscar a área rival só nos últimos minutos e cando o marcador púxoselle en contra. Un gol de Bonilla ao transformar un penalti con toda a pinta de ser cometido fora da área, decidiu un partido no que os de Luisito perdoaron moito, especialmente na primeira parte, e no que sobrou a dureza final do equipo verde, con probable lesión seria de David Añón nunha terrorífica entrada de Catalá.
Os comezos do partido foron eléctricos, con gol pantasma incluída que o árbitro non deu. O Pontevedra saíu con máis intensidade, cunha marcha máis, aproveitando a formulación tímida dun Racing que se limitaba a defender, renunciando ao balón. Aínda por riba, a balón parado a defensa verde sufría, e esa falta de concentración puido custarlle o gol xa aos dous minutos, cando Portela rematou de cabeza, absolutamente só no segundo pau, un bo centro de David Añón. O balón, tras estrelarse no traveseiro, botou sobre a liña, en apreciación do asistente, a pesar da reclamación da bancada e xogadores locais, que pedían gol.
Logo chegaba a temperá lesión de Juan Martínez, que obrigou a Míchel Alonso a realizar o seu primeiro cambio dando entrada a David Bandera, pero sen modificar a súa proposta futbolística, baseada nun sistema 4-1-4-1, con Álex Felip de pivote de contención e Joselu moi só en punta, esperando a posibilidade de que Pablo Rey puidese conectar con el.
E ese foi precisamente o único e lixeiro síntoma de perigo dos verdes, nun balón que Pablo Rey puxo ás costas de Portela, pero que Joselu mandou moi alto. Despois un par de disparos afastados e pouco máis no capítulo ofensivo.
Pola contra, o Pontevedra dominaba, xogaba máis e mellor, creaba ocasións claras, pero carecía de acerto no remate final, perdoando ata tres clarísimas oportunidades, nas botas de Jacobo, por dúas veces, e Mario Barco, nunha volea que marchou fóra. Especialmente clara foi a primeira citada, que o de Bueu, a pase de Mouriño, estrelou no corpo de Sergio.
Os granates foran mellores na primeira parte, pero na bancada flotaba a dúbida de se non se cumpriría o devandito futbolístico de que o que perdoa paga.
E case o fai. O Racing saíu un pouquiño máis aberto na segunda, polo menos conseguiu disputarlle a posesión de balón aos locais e equilibrar a balanza, se non en xogo, se polo menos cortando o fluxo de ocasións de gol locais.
O Pontevedra agora chegaba con máis dificultade, pero facíao con maior claridade que os visitantes, que tiveron unha boa nun remate de David Bandera salvado por Edu cos pés. Antes David Añón, Álex Fernández e de novo Añón, volveran a fallar no remate final.
Co paso dos minutos os de Luisito cederon terreo e o Racing controlou mellor, aínda que sen chegada a zona de perigo. Luisito moveu banco buscando especialmente velocidade nas contras. Saíulle ben, coa colaboración dun erro arbitral, cando Mario Barco foise en velocidade e xusto antes de entrar na área é derrubado por Víctor Vázquez. Era expulsión cara, pero a falta ao bordo da área o colexiado indicouna como penalti, a instancias do seu asistente. Bonilla transformou de forma maxistral, cun forte disparo por alto.
Cun menos o Racing tirou de dignidade e foise arriba, expoñéndose a que o Pontevedra sentenciase á contra. De feito fíxoo e Mario Barco, a pase de Álex González marcou, pero o mesmo asistente invalidou a acción sinalando fóra de xogo do dianteiro local.
A última xogada simplemente sobrou, cando Catalá fixo unha fea entrada sobre David Añón que custou a expulsión do central visitante, e a lesión no nocello do dianteiro pontevedrés, co que o equipo verde terminou con nove, nun partido que ata entón fora absolutamente limpo.
PONTEVEDRA CF (1): Edu; Miguel, Portela, Capi, Bonilla; Kevin Presa, Jacobo Trigo (Mateu, minuto 69); David Añón, Mouriño (Álex Fernández, minuto 56), Jacobo (Álex González, minuto 56); e Mario Barco.
RACING CLUB FERROL (0): Sergio; José Cruz, Víctor Vázquez, Catalá, Maceira; Álex Felip (Brais Abelenda, minuto 85); Julio Delgado (Armental, minuto 70), Juan Martínez (David Bandera, minuto 4), Pablo Rey, Bicho; e Joselu.
Árbitro: Alberto González Hernández (Castela-León), auxiliado nas bandas por Javier Chicote Platero e Daniel Gómez Esteban. Expulsou con vermella directa ao xogador visitante Víctor Vázquez (minuto 81) e por dobre amoestación ao tamén visitante Catalá (minuto 93). Amoestou a Kevin Presa, Capi, Álex Fernández e Bonilla, polo Pontevedra, e a Víctor Vázquez e Armental, polo Racing de Ferrol.
Goles: (1-0) Minuto 84: Bonilla, de penalti.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 3.000 afeccionados.
Relacionadas:
-
Pólvora mollada dun Pontevedra que puido e mereceu gañar en Burgos (0-0)
Por Redacción |
-
O Burgos recibirá ao Pontevedra sumido nunha profunda crise deportiva e institucional
Por Diego Espiño |
-
A lesión de Añón queda nun susto pero é dúbida para o desprazamento a Burgos
Por Redacción |
-
O Pontevedra presenta o calendario de actos do seu 75 aniversario
Por Diego Espiño |
-
O potencial do Racing de Ferrol, ameaza para un Pontevedra que quere afianzarse na zona nobre
Por Diego Espiño |
-
Dani Benítez, principal dúbida no Racing de Ferrol antes de visitar Pasarón
Por Raúl Salgado |
-
Os penaltis clasifican ao Pontevedra para a final autonómica da Copa Federación (2-2)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |