Lourdes Domínguez decidirá o seu futuro no tenis a final de tempada
Por Ramiro Espiño & Mónica Patxot
A pontevedresa Lourdes Domínguez, sen dúbida a mellor tenista galega do momento e posiblemente da historia, afronta a recta final da súa carreira tenística sen despexar a dúbida de se continuará en activo un ano máis á conclusión da actual tempada. A tenista, aos seus 35 anos, tomará a decisión en pouco máis de mes e medio, unha vez cumpra os compromisos que aínda ten pendentes para pechar o ano.
Así o manifestou a PontevedraViva, nunha entrevista realizada nun lugar moi especial para ela, a pista do parque de verán do Liceo Casino, na Caeira, precisamente o mesmo lugar onde, con só catro anos, comezou o seu idilio coa raqueta, hai exactamente 31 anos.
Aproveitando un curto período de relativo descanso, Lourdes Domínguez quixo achegarse a Pontevedra desde Barcelona, cidade á que se trasladou con 14 anos para abrirse oco no tenis profesional. Ademais de gozar da súa familia, a tenista non descoida a súa forma, por iso cada mañá acode ás instalacións do Liceo Casino, en cuxo ximnasio conta con todo o necesario para a súa preparación, realizando as súas sesións diarias de adestramento, traballo que recollemos tamén na reportaxe fotográfica que acompaña a esta entrevista.
- Lourdes Domínguez, estamos no sitio, a pista de tenis do Liceo Casino na Caeira, onde empezou todo para tí, con só catro aniños. Que lonxe queda xa.
- Un pouquiño, si. A verdade que me trae moi bos recordos, porque aquí foron os meus inicios, con Chaves, e facía xa tempo que non pisaba esta pista. Emocióname, porque aquí empecei coa raqueta, que era máis grande que eu. Moi bonito estar 31 anos despois aquí.
- Que che trouxo a estas instalacións do Liceo Casino, a menos de dous meses de pechar unha nova tempada no circuíto tenístico?
- Pois me quedan varios campionatos agora a final de tempada. Vin unha semana a Pontevedra e para non perder a forma, como me queda preto de casa e vin toda a vida aquí, as instalacións están moi ben e moi agradecida ao Liceo Casino de poder adestrar aquí estes días.
- Tes todo o aparataxe que necesitas no ximnasio?
- Si. Está moi completo, está moi ben, e á parte ten unhas vistas espectaculares. A verdade é que dá gusto estar no ximnasio traballando, vendo todo Pontevedra e co sol e a claridade que entra polas mañás, que é cando adoito vir.
- Fálanos de tí. Foi unha tempada complicada non? Comezaches no posto 98 do ránking WTA, para terminar no 162, cun balance en torneos do circuíto de 11 vitorias por 19 derrotas. Como te atopaches en xeral?
- Pois por tempadas. Ás veces mellor e outras non tan ben, pero en xeral gocei moito, paseimo ben na pista, pero os tres últimos anos foron difíciles. Tiven que facer moito esforzo para tentar manterme arriba e aínda que o conseguín, quizais este ano entroume un pouquiño de baixón, ademais de que a xente nova vén apertando forte e cada vez está máis difícil gañar partidos.
- Complicado especialmente nos torneos de Grand Slam. Conseguiches meterte no cadro final en Australia e Roland Garros, pero caíches nas previas de Wimbledon e US Open.
- Si. Ao acabar o ano pasado no top-100 puiden acceder directamente aos cadros finais, pero a metade de tempada fóiseme un pouquiño de ránking e tiven que xogar a fase previa en Wimbledon e US Open, pero estou contenta dos dous partidos que xoguei en Australia e París, e nos outros dous escapáronseme dous partidos bastante igualados, os dous en tres sets. Con todo, o balance nos Grand Slam é positivo e de todos eles saín orgullosa.
- E volver á selección complicado, non? Agora con Garbiñe e Carla meter a cabeza aí é cada vez máis caro.
- Si, bo, este ano xoguei a primeira eliminatoria en Serbia, pero cada vez está máis difícil, Carla e Garbiñe están moi por encima do resto das españolas. Non vai ser fácil, pero seguiremos pelexando para ver se hai opción de entrar no equipo.
- Significa isto que Lourdes Domínguez non dixo que a súa carreira tenística acábase?
- De momento non terminou a tempada. Cando acabe pensarei e segundo como me atope tomarei a decisión.
- Pero un aniño máis é posible.
- Non o sei, de verdade. Xa veremos. De aquí a final de tempada quero ver como me sinto en pista. Como che dixen, quédame mes e medio, e logo xa veremos que é o que pasa con Lourdes Domínguez.
- Non me digas que non che tenta superar os 1.000 partidos no circuíto profesional? Porque levas, non sei se sabes a cifra exacta, pero lembrareicha, nada menos que 979 partidos, con 568 vitorias e 411 derrotas, non está mal.
- Non está mal, non. A verdade é que estaría ben chegar aos 1.000, pero teño que pensar un pouco en min e ver como me sinto. Os números, chegue ou non aos 1.000, están moi ben.
- E cunha carreira tan longa, Lourdes Domínguez fixo diñeiro no tenis?
- Fixen para poder vivir un pouco máis tranquila, pero cando tome a decisión de retirarme terei que traballar como calquera persoa.
- E facelo en Barcelona, onde levas desde os 14 aniños, ou volver á túa terra?
- Agora mesmo non o sei, non mo expuxen porque sigo competindo. Si que é verdade que me encantaría vir a Galicia e poder sacar un pouco o tenis cara arriba, porque nos últimos anos creo que estivo bastante abandonado e non saen nin xogadores nin xogadoras. Melloráronse instalacións, pero non saíu xente, polo que penso que algo falla, por iso gustaríame tentar axudar a que iso cambie, pero doutra banda levo moitos anos en Barcelona, e se queres estar en alta competición, co nivel que hai alí quizais sexa máis fácil. De momento, como che dixen, vou terminar a tempada e a ver que pasa.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- Os mellores momentos na carreira de Lourdes Domínguez, a mellor tenista galega da historia
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Lourdes Domínguez anuncia cunha emotiva rolda de prensa a súa retirada do tenis profesional
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Lourdes Domínguez colga a raqueta tras vinte anos na elite do tenis profesional
Por Redacción |
-
Lourdes Domínguez despídese do US Open na fase previa
Por Redacción |
-
Lourdes Domínguez cae na fase previa de Wimbledon
Por Redacción |