A Deputación tamén se suma á campaña do Teucro
Por Redacción
A Sociedad Deportiva Teucro continúa a rolda de contactos en busca de apoios cara á súa campaña de captación de fondos "(Es un 10) Contigo, sempre Teucro", que pretende reunir preto de 40.000 euros necesarios para afrontar os pagamentos pendentes ata final de tempada.
Nesta ocasión foi a quenda da Deputación de Pontevedra, que se comprometeu a colaborar coa iniciativa dándolle difusión "para tratar de recadar maiores ingresos e tamén para aumentar os seus adeptos e seguidores entre a cidadanía".
A campaña do Teucro consiste na achega de 10 euros a cambio dunha entrada personalidada para asistir a calquera dos partidos do club. Ademais, o nome do colaborador será incluído nunha camiseta xigante que se colgará no último encontro que o equipo xogue na casa.