A tecnoloxía chega ao fútbol pontevedrés
Por Redacción
A Federación Galega de Fútbol probará o vindeiro domingo 4 de setembro un sistema de edición de vídeo para análise de partido en tempo real, coa intención de poñelo a disposición dos clubs e mellorar así o seu traballo diario.
Para eles usará de proba o encontro de Primeira Rexional entre Umia CF e Juvenil de Ponteareas, fixado para as 12:00 horas no campo Municipal A Bouza de Barrantes.
Trátase dun sistema, denominado ADESTRapp, que xa usan equipos profesionais como Real Club Deportivo da Coruña, o Leganés, o Atlético de Madrid ou o Santiago Futsal.
Esta aplicación permite captar imaxes e transmitilas en tempo real desde a cámara da bancada ao banco, a través dunha tablet, un portátil ou mesmo un móbil, cun pequeno retardo. Non necesita cableado e o dispositivo non supera os 400 gramos de peso, o que o fai sinxelo de utilizar en partidos e adestramentos.
A intención do organismo federativo é poñelo a disposición de todos os clubs de Preferente coa posibilidade de amplialo a Primeira Rexional e outras categorías. Para iso tenta pechar un patrocinio cunha empresa galega que financie a adquisición da tecnoloxía á firma responsable, Balidea.
A proba será presenciada en directo polo presidente da federación, Rafael Louzán; o directivo responsable de Novas Tecnoloxías, Amancio Varela; o director da Escola Galega de Adestradores, Manu Mosquera; e o presidente do Comité Galego de Adestradores, Manu Fernández. Tamén se espera a presenza de varios seleccionadores e adestradores galegos.