O Pontevedra B resolve en sete minutos (2-1) o seu partido fronte ao Mondariz e afástase dos postos de perigo
Por Redacción
Cando se gaña fronte a un rival directo os puntos teñen dobre valor. Fíxoo o Pontevedra B grazas a un comezo de partido espectacular, con dous goles en apenas sete minutos de xogo, que deixaron sen capacidade de reacción ao Mondariz. Os granates levaron as rendas do choque sen apenas sobresaltos, mentres o equipo visitante limitábase a colgar balóns buscando a segunda xogada, pero sen xerar perigo ante a contundencia dunha defensa ben liderada por Cristóbal Domínguez.
Non obstante a segunda parte foi de dominio visitante. Un erro de Anxo ao intentar ceder o balón ao seu porteiro permite ao Mondariz reducir diferenzas e crer na posibilidade do empate. Os granates reaccionaron cos cambios e Buba tivo nas súas botas a ocasión de asinar a sentenza, pero mandou o remate fóra con toda a portaría á súa disposición.
Os tres puntos permiten ao Pontevedra B superar na táboa o propio Mondariz e afastarse dos postos de descenso, aínda que a clasificación pola zona baixa segue estando moi apertada.
PONTEVEDRA B (2): Edu, Uru, Alves, Cristóbal Domínguez, Anxo, Héctor, Víctor, Paco (Adán, min. 83), Diego (Buba, min. 75), Pedro (Portu, min. 70) e Edín (Canosa, min. 65).
MONDARIZ, C.F.: (1): Javi, Xesús, Anxo, Adrián (Uru, min. 46), Docampo, Jonás, Iago, Noel, Marcos, Hugo Tei e Víctor (Nico, min. 67).
Árbitro: Quintela Baluja (Santiago). Amoestou a Anxo, Canosa, Jonás, Hugo Tei, Víctor, Uru (Mondariz) e Docampo, ademais de aos adestradores de ambos os dous equipos e ao delegado do Mondariz.
Goles: (1-0) Minuto 2: Diego. (2-0) Minuto 7: Pedro. (2-1) Minuto 65: Noel.
Incidencias: Sintético da Xunqueira (Pontevedra). 100 espectadores.