Alberto Salcedo logra un ouro histórico para a Gimnástica no Campionato de España Absoluto
Por Redacción
O atleta da Sociedad Gimnástica de Pontevedra Alberto Salcedo conseguiu a primeira medalla de ouro do club pontevedrés nun Campionato de España Absoluto de Pista Cuberta.
Salcedo impúxose nos 200 metros lisos no Nacional disputado este fin de semana despois de pasar con solvencia as eliminatorias e lograr a súa mellor marca persoal baixo teito na final, cun rexistro de 21.41.
A Sabadell acudiron outros seis atletas da Gimnástica con sorte dispar. O mellor parado foi José Alfonso Palomanes, quinto en triplo salto con 15.77, mellor marca do club. Peor sorte correron Eduardo Gallardo e Eduardo Suárez nos 400 e 800 metros respectivamente, onde non puideron acceder á final. Tampouco David Alejandro, que o tivo nas súas mans nos 60 metros lisos pero ao que unha mala saída lle pasou factura, aínda que o máis doloroso foi o de Javier Rodríguez, que quedou fóra da semifinal nos 200 metros despois de ter que revisar a foto-finish.
Por último Mario García non puido coa primeira altura no salto con pértega, o que lle impediu pelexar por obxectivos máis ambiciosos.
Ademais destes resultados, o atleta marinense Jean Marie Okutu, nas filas do Fútbol Club Barcelona dende esta tempada, impúxose en lonxitude cun mellor salto de 7.79.