Vicente Pombal e Johana Torres, gañadores da primeira carreira da Ruta do Viño Rías Baixas
Por Redacción
Vicente Pombal do Club de Atletismo Samertolameu (Moaña) e Johana Torres proclamáronse este domingo como os gañadores da primeira edición da carreira popular da Ruta do Viño Rías Baixas, disputada en Meaño sobre un circuíto entre viñedos de oito quilómetros.
A proba reuniu a un total de 103 atletas na súa categoría absoluta, aos que se engadiron outro centenar de corredores nas demais categorías.
A carreira tivo saída e meta no Campo da Feira de Meaño. Os atletas realizaron un 95% do percorrido por pistas de asfalto e un 5% por tramos de terra, pasando por ata catro adegas integradas na Ruta do Viño Rías Baixas: Adega Paco & Lola, Adega Valdamor, Adegas Pablo Padín e Adegas Attis.
Vicente Pombal, cun tempo de 30 minutos e 29 segundos, e Johana Torres, cunha marca de 38 minutos e 3 segundos, foron os máis rápidos en completar o percorrido.
A partir das 11:00 horas celebráronse as probas para os atletas menores de idade, sobre un circuíto pechado de 900 metros que discorría polo Campo da Feira de Meaño, as aldeas de Covas e Canle e a rúa Desidero Dóvalo.
Os corredores da categoría A (de 15 a 18 anos) deron 3 voltas ao circuíto, mentres que os das categorías B (de 12 a 14 anos) e C (de 9 a 11 anos) completaron dúas voltas. Os nenos e nenas da categoría D (de 6 a 8 anos) deron unha única volta de 900 metros. Os primeiros clasificados de cada categoría recibiron as súas correspondentes medallas.
Para terminar a xornada, disputouse unha categoría especial non competitiva denominada "chupetíns", para nenos e nenas de ata 5 anos, que nalgúns casos recibiron axuda dos seus pais ou acompañantes durante o percorrido.