Máis de 200 persoas na organización do Campionato de España Open de Natación
Por Redacción
"Trátase do evento máis complexo dos celebrados ata agora na piscina de Pontemuíños". Así define Agustín Fernández, concelleiro de Deportes, a celebración do Campionato de España Open de Natación que Pontevedra acollerá entre o 21 e 24 de marzo.
Máis de 200 persoas serán necesarias para a organización do evento nos catro días de competición entre cronometradores, árbitros, representantes da Federación Española, operarios de montaxe ou persoal para o control de accesos.
O esforzo fará posible a disputa dun campionato que contará con ao redor de 400 nadadores de 120 equipos entre o que se encontran figuras como Mireia Belmonte, Melanie Costa ou Rafa Muñoz. Ademais, o carácter Open da proba abre a participación a deportistas doutros países, que xa solicitaron á Federación Española poder asistir á cita.
Para pechar os últimos detalles organizativos este xoves reuníronse responsables de Concello de Pontevedra, co concelleiro Agustín Fernández á cabeza, e Club Natación Galaico, representado polo seu presidente Alfonso Gallego.