Ouro continental para Tono Campos e bronce para Raquel Rodríguez nunha espléndida xornada de piragüismo
Por Diego Espiño & Diego Torrado
Primeiro ouro para un deportista pontevedrés no Campionato de Europa de Piragüismo Maratón que se está celebrando no río Lérez.
Conseguiuno Tono Campos (Breogán do Grove) no C-1, tras unha emocionante pugna co húngaro Márton Kövér, ao que venceu nun apertado final.
"Foi unha carreira moi táctica desde o principio, porque ía na cabeza cos dous húngaros e estaban a facer xogo de equipo. Cando conseguín soltar a un deles no primeiro porteo, o outro non me quería relevar e tiven que xogarma eu só", sinalou o flamante campión de Europa tras a proba.
A dureza da carreira, en especial por causa do vento, notouse nos metros finais, nos que o dúo de cabeza xogouse todo ao sprint. Ao final Tono entrou en meta cun tempo de 2 horas, 8 minutos e 33 segundos, con só un segundo de vantaxe sobre o húngaro. Terceiro foi o portugués Nuno Barros a case dous minutos.
"Gañar na casa é un plus, estou moi contento. Tiña a vantaxe de competir aquí e ter a afección do meu lado, que sempre che empuxa e dáche máis forzas", completou o padexeiro do Breogán, que aspira a unha nova medalla no C-2 e colle moral para o próximo Campionato do Mundo de Brandemburgo.
A outra medalla da xornada foi para a pontevedresa Raquel Rodríguez, tamén no C-1. A deportista da Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra colgouse o bronce ao ser terceira na súa categoría nunha carreira na que "nas dúas primeiras voltas fun bastante forte, tentando coller á francesa, e logo pagueino e custoume acabar", sinalou.
A veterana padexeira emocionouse co ambiente e o apoio recibido, asegurando que "no primeiro porteo, ao ver as bancadas que parecía que se ían a vir abaixo, ata me entraron ganas de chorar".
Finalmente Raquel acabou nun tempo de 1:59:29, a case dous minutos da francesa Pauline Martin. A vencedora con absoluta autoridade foi a alemá Cathrin Duerr.
En canto ao kaiak individual, destacou o resultado do zamorano Emilio Merchán, medalla de prata no K-1 co tudense Iván Alonso entrando no cuarto lugar.
O domingo, última xornada do europeo coas probas de barcos dobres en categoría senior.
Relacionadas:
-
Tono Campos repite en Brandemburgo subcampionato do Mundo de piragüismo maratón
Por Redacción |
-
Os piragüistas pontevedreses, á conquista do Mundial de Maratón en Brandeburgo
Por Redacción |
-
Lores, sobre o Mundial de Piragüismo Maratón: "Se non é no 2020 será no 21"
Por Diego Espiño |
-
Dobrete pontevedrés en C-2 para pechar un exitoso Campionato de Europa de Piragüismo Maratón
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Xornada sen medallas para os padexeiros locais no Europeo de maratón
Por Redacción |
-
Lara Outón estrea o medalleiro pontevedrés no Europeo de piragüismo maratón
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Quenda para os elite no Europeo de Maratón
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Os deportistas Master enchen de cor o río Lérez na estrea do Europeo de Piragüismo Maratón
Por Mónica Patxot |