Lume na piscina. Guerra aberta entre a directiva do Club Natación Galaico Pontevedra e a súa sección de waterpolo
Por Redacción
Primeiro foron os directivos da sección, coa súa presidenta Paqui García á cabeza, os que denunciaron publicamente a situación de non pagamento das nóminas a tres adestradores do Waterpolo Galaico, acusando da devandita decisión ao presidente do Club Natación Galaico, Alfonso Gallego, e despois o presidente foi quen respondeu duramente ás acusacións de falta de transparencia en declaracións publicadas por Diario de Pontevedra o domingo día 10 de febreiro, deixando caer, entre outras cousas, que a verdadeira razón desta situación radica en que os gastos da sección son moi superiores aos seus ingresos.
Estas palabras de Alfonso Gallego provocaron o que ameaza ser un auténtico "incendio na auga", poñendo en serio perigo a unidade do club. En resposta, un grupo de pais da sección de waterpolo, dirixiron unha carta aberta ao presidente, nos seguintes termos:
"Sr. Gallego Ruza: Somos socios do Club Natación Galaico e pais de deportistas. Todos os meses pagamos relixiosamente a cota xeral ao Club Natación Galaico.
Cabe recordarlle que, en Acta de data 4 de outubro de 2010 se recolle que a Xunta directiva do Club Natación Galaico acepta a cesión da Administración e Xestión económica do Club Waterpolo Galaico Pontevedra, levándoa conxuntamente coa súa. O devandito acordo é
ratificado en asemblea anual de socios do Club Natación Galaico o día 26 de novembro de 2010. Na Acta da devandita Asemblea di textualmente: "Por acordo da Xunta Directiva do Club Natación Galaico, accedeuse a petición dos deportistas do CNPontevedra a pasar a formar
parte da familia do Galaico no mes de setembro para dende entón adestrar e competir como unha parte máis do grupo. Así naceu o CWGP, tendo unha directiva propia que xestiona todo o referente o apartado deportivo".
Claramente dedúcese que a Xunta directiva que vostede preside xestiona en exclusiva o apartado económico de todo o Grupo Natación Galaico, de todas as súas seccións.
O pasado mes de Xaneiro, vostede e a súa xunta, convocaron unha Xunta Extraordinaria, onde se aprobaron uns presupostos para o presente ano 2013, para o Grupo Natación Galaico, onde figuraban incluídos os salarios do persoal da Entidade que vostede dirixe, pero, menos
dun mes despois, os salarios dalgúns traballadores, concretamente os da Sección de Waterpolo, non son aboados.
Sentímonos enormemente preocupados porque se poida afirmar con tanta lixeireza que a culpa é doutros, cando a única xestión que houbo é a súa. E máis preocupados aínda porque sabemos por experiencia que cando se deixa de pagar aos traballadores é porque se tocou fondo, e o que pode vir despois non pode ser bo para ninguén. Nin sequera para os que agora se poidan consolar crendo que a cousa non vai con eles. "
Por todo iso pídolle Sr. Gallego Ruza que deixe de tomarlle o pelo aos socios do Club Natación Galaico, que deixe de botar vostede balóns fóra e de cargar as culpas contra outros, cando é VOSTEDE QUEN XESTIONA OS INGRESOS Y ÿ VOSTEDE QUEN PRESENTA OS
PRESUPOSTOS, PARA O SEU APROBACION.
Sr. Galego, temos que preocuparnos de que o seu seguinte "trofeo" sexa o Club Natación Galaico? ".
A nota asínana co nome de "Pais Preocupados", María Isabel Tavares, Francisco José Seoane e Fernando Velasco.