O Céltiga recupera a fe despois de tres triunfos consecutivos
Por Diego Espiño
Co Pontevedra en cuarta posición e o Céltiga na penúltima, as apostas para o choque do próximo domingo no Salvador Otero poderían parecer claras, pero a reacción dos da Illa iguala as forzas.
O equipo adestrado por Manolo Núñez gañou os tres últimos partidos de liga ante Negreira, Somozas e Narón despois de 12 xornadas sen coñecer a vitoria, nove puntos que achegan o obejtivo da salvación a unha distancia de cinco que permite soñar coa remontada.
Un dos artífices do cambio é o ata fai pouco futbolista granate Breogán Pereiro, "la gente estaba un poco desanimada, es posible que los refuerzos hayamos dado un poco de alegría, después ganamos el primer partido, el segundo... mantenemos la ilusión, eso no nos lo quita nadie".
"Son un buen equipo pero en fútbol todo puede pasar"
Breogán enfrontarase por primeira vez ao seu irmán Moisés, "sé cómo juega pero él también como lo hago yo así que habrá que improvisar algo, porque además jugaremos en la misma zona del campo". O xogador do Céltiga desexa boa sorte aos granates pero non descarta conseguir o cuarto triunfo seguido, "son un buen equipo pero en fútbol todo puede pasar".
No Pontevedra Moisés non adestra e David Pérez ten que abandonar a sesión
O estado do campo de Príncipe Felipe converteuse nunha dor de cabeza para Milo Abelleira. O equipo granate non poderá adestrar alí nos próximos 20 días debido a uns traballos de mantemento que os técnicos da Deputación, propietaria da instalación, van realizar.
Ante esta tesitura, o primeiro equipo adestrou este martes na Xunqueira nunha sesión na que non compareceu Moisés Pereiro debido a un golpe nas costas, aínda que a presenza do centrocampista na Illa parece que non corre perigo, todo o contrario que Iago Paz, que se exercitou á marxe e ao que Milo descarta. Pola súa banda Nano xa está recuperado, ao igual que Pacheco, que recibirá a alta esta semana despois de tres meses. O susto do día deuno David Pérez, que se tivo que retirar do adestramento ao recibir un golpe no nocello, aínda que segundo o técnico non parece grave.