Sporting de Portugal imponse nunha bonita final do "XVIII Torneo Internacional de Fútbol-7 Benxamín"
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Sporting Clube de Portugal conseguiu incribir por primeira vez o seu nome no cadro de gañadores do "Torneo Internacional de Fútbol 7 Benxamín Cidade de Pontevedra", que organiza cada ano de forma exemplar a EF Porteiro 2000, da man de Manolo Sánchez e Rafa Sáez, e que este ano alcanzaba a súa maioría de idade, coa edición número 18.
O equipo portugúes impúxose nunha emocionante final ao Real Valladolid (5-3), nun partido con goles de gran beleza e alternativas no marcador.
A final de consolación foi para o Deportivo da Coruña, que venceu non sen dificultades (2-0) a un Rayo Vallecano que foi de menos a máis no torneo, adxudicándose a terceira e cuarta praza na clasificación final.
Como vén sendo norma, tanto a xornada do sábado como a do domingo foi unha auténtica festa deportiva, con centenares de afeccionados e seguidores de todos os equipos participantes enchendo as instalacións da Xunqueira, onde se habilitaron 3 campos, con disputa de partidos simultáneos.
A gran sorpresa chegaba nos primeiros partidos da xornada matinal deste domingo, os correspondentes aos cuartos de final do torneo, no que caían derrotados os catro equipos campións da fase de grupos: Villarreal, Celta de Vigo, Benfica e Pabellón, quedando sen opcións á vitoria.
RAFAEL TIMAS FOI O XOGADOR DECISIVO NA FINAL
A gran final, disputada en dous tempos de 15 minutos, foi trepidante. Gañou o Sporting Clube de Portugal grazas á gran actuación de Rafael Timas, autor de tres dos cinco goles do seu equipo, pero o Real Valladolid tivo as súas opcións, chegou a remontar un marcador desfavorable de dous goles, e só cedeu nos últimos minutos.
Os portugueses pareceron romper o partido moi pronto. En só tres minutos de xogo puxéronse con dous goles de vantaxe, con dous disparos de media distancia de Afonso Monteiro e Rafael Timas.
A superioridade do Sporting era clara. O Real Valladolid apenas conseguía pasar do centro do campo, pero Adri, en acción individual, aproveitaba unha contra para elevar sobre a saída de Konstantín. O gol deu confianza aos casteláns, que se creceron e nivelaron o partido. Adri empataba pouco despois, para irse o descanso.
Nada máis comezar o segundo tempo, o Real Valladolid culminaba a remontada cun excelente gol de Aranda, pero o Sporting, que se atopou co traveseiro en dous lanzamentos, logrou empatar ao transformar Tiago Costa un claro penalti, por mans dun defensor.
A partir de aí o dominio foi alterno ata que a calidade individual e a potencia física de Rafael Timas sentenciaría o partido, primeiro transformando de forma maxistral unha falta directa ao bordo da área e logo cun disparo seco a falta de dous minutos, que deixou sen capacidade de resposta ao Valladolid.
SPORTING CLUBE DE PORTUGAL (5): Konstantín José, Tiago Costa, Miguel Rodrigues, Joao Infante, Afonso Monteiro, Rayhan Momade, Frederico da Silva, Telmo Coimbra, Rafael Timas, Vasco Mota, Joao Netto e Sergio Matos.
REAL VALLADOLID (3): Nacho, Aranda, Arconada, Iago, Mariano, Jaime, Adri, Izan, Eloy, Álex, Iago e Adrián.
Árbitros: Alejandro Muñiz (Pontevedra), auxiliado nas bandas por Miguel Veiga e Marcos Campo, con Juan Carmuega como cuarto árbitro.
Goles: (1-0) Minuto 2: Afonso Monteiro. (2-0) Minuto 3: Rafael Timas. (2-1) Minuto 10: Adri. (2-2) Minuto 13: Adri. (2-3) Minuto 16: Aranda. (3-3) Minuto 18: Tiago Costa, de penalti. (4-3) Minuto 26: Rafael Timas. (5-3) Minuto 28: Rafael Timas.
ENTREGA DE PREMIOS
O Villarreal adxudícase o Trofeo á Deportividade
A entrega de trofeos estivo presidida polo Alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a quen acompañaban autoridades e personalidades do mundo do fútbol e de patrocinadores e colaboradores do torneo, que contou un ano máis coa impecable organización da E.F. Portero 2000 e que decidiu outorgar o Trofeo á Deportividade ao Villarreal CF, que debutaba no torneo.
CADRO DE HONRA:
POSTO | EQUIPO |
CAMPIÓN | SPORTING CLUB PORTUGAL |
SUBCAMPIÓN | REAL VALLADOLID |
3º CLASIFICADO | R.C. DEPORTIVO |
DEPORTIVIDADE | VILLARREAL CF |
4º CLASIFICADO | RAYO VALLECANO |
5º CLASIFICADO | SL BENFICA |
6º CLASIFICADO | VILLARREAL CF |
7º CLASIFICADO | PABELLÓN CF |
8º CLASIFICADO | R.C. CELTA |
9º CLASIFICADO | SD CRISTO VICTORIA |
10º CLASIFICADO | XUVENTUDE OROSO |
11º CLASIFICADO | URAL CF |
12º CLASIFICADO | SALGUEIRIÑOS CF |
13º CLASIFICADO | CD LUGO |
14º CLASIFICADO | ED AROUSA |
15º CLASIFICADO | REAL SPORTING DE GIJON |
16º CLASIFICADO | COLEGIO HOGAR |
17º CLASIFICADO | AJ LÉREZ |
18º CLASIFICADO | EF PORTERO 2000 |
19º CLASIFICADO | ACD ANCORAD'OURO |
20º CLASIFICADO | AD SAGRADO CORAZÓN |
O cadro completo de partidos e resultados pódese consultar aquí.
Relacionadas:
-
Monte Porreiro goza coa primeira xornada do XIX Torneo Internacional de Fútbol-7 Benxamín
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Cambio de escenario pero mesma emoción para a fase final do Torneo Internacional de Fútbol Benxamín
Por Diego Espiño |
-
O torneo de fútbol-7 de Monte Porreiro desborda ilusión
Por Redacción & Diego Torrado |
-
O Villarreal apunta a favorito tras a primeira xornada do XVIII Torneo Internacional de Fútbol-7 Benxamín
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Vilarreal, principal novidade no cartel do XVIII Torneo Internacional de Fútbol 7 Benxamín Cidade de Pontevedra
Por Ramiro Espiño |
-
Toneladas de ilusión na fase previa do Torneo Internacional Cidade de Pontevedra
Por Diego Torrado |