O Súper Froiz inicia a pretempada cunha concentración de catro días
Por Redacción
A tempada 2013 arranca para o Grupo Deportivo Supermercados Froiz cunha concentración de catro días que este mércores vivirá o seu primeiro adestramento cunha ruta pola costa de San Vicente do Mar (O Grove).
O bloque alimenticio inicia así un ano no que aspira a repetir por sexta campaña consecutiva o liderado do ranking nacional, cun equipo con máis corredores galegos que as últimas campañas, como recoñece o director do Súper Froiz Evaristo Portela, "agora os ciclistas galegos queren correr connosco porque se decataron que somos a referencia do pelotón español".
A principal aposta da escuadra pontevedresa será conquistar a Copa España, que consta de oito carreiras puntuables, cun equipo renovado pero que conta con algúns ciclistas xa veteráns no equipo, como Ángel Vallejo, Antonio de Segovia e Raúl García de Mateos, chamados a achegar experiencia e potencial nun equipo no que Aser Estévez será un dos xefes de fila.
No capítulo de incorporacións o Froiz fichou na categoría sub-23 ao campión galego de crono e fondo, ÿscar González Brea, así como Martín Lestido e Cristian Perdiguero. O plantel de elite, pola súa banda, refórzase con Samuel Nicolás, gañador da Copa de España, o galego Pedro Macías e o arxentino Alejandro Sívori.