Javi Gómez Noya, premio Princesa de Asturias dos Deportes
Por Alejandro Espiño
O triatleta Javier Gómez Noya é o novo Premio Princesa de Asturias dos Deportes. Así o acordou o xurado deste galardón, o máis importante dos que se entregan en España.
O cinco veces campión do mundo de tríatlon impúxose na votación final á esquiadora estadounidense Lindsey Vonn, á selección de rugby de Nova Zelandia -coñecida popularmente como os All Blacks- e ao corredor de rallies francés Sebastien Loeb.
O xurado destacou o "brillante palmarés" de Gómez Noya, vixente campión do mundo e de Europa de tríatlon. E non é para menos. É o único deportista con cinco títulos mundiais nesta especialidade. Ao longo da súa carreira, entre outros, tamén gañou catro campionatos de Europa e logrou a medalla de prata nos xogos de Londres 2012.
Pero con este galardón, o xurado tamén quixo recoñecer os valores de "esforzo e perseveranza ante a adversidade" do triatleta galego de 33 anos, fincado desde hai tempo na cidade de Pontevedra, que demostrou unha "enorme fortaleza e un encomiable espírito de superación en toda a súa carreira".
Nada máis coñecer a noticia, Javi Gómez Noya declarou estar "orgulloso e sorprendido" de ser galardoado cun premio que considera é "moi importante" para todo o mundo do tríatlon.
Gómez Noya, que fora finalista destes premios en anos anteriores, recoñeceu que "como non depende de ti" non estaba moi pendente de se lle outorgaban o premio. Iso si, destaca que este novo recoñecemento "anímame a seguir traballando a tope" e sinalou que calquera dos finalistas reunía méritos "máis que suficientes" para levar o premio.
O Premio Princesa de Asturias dos Deportes 2016 a Javi Gómez Noya é unha recompensa máis a unha carreira repleta de esforzo e entrega. E, sen dúbida, daralle ánimos para o seu verdadeiro obxectivo desta tempada, o ouro olímpico en Río 2016.
Relacionadas:
-
Javier Gómez Noya recibe en Oviedo o Premio Princesa de Asturias dos Deportes
Por Redacción |
-
Gómez Noya, sobre Tokyo 2020: "Será el cuerpo y la mente el que cada año me vaya diciendo lo que debo hacer"
Por Diego Espiño |
-
Gómez Noya rompe un brazo adestrando e pérdese os Xogos Olímpicos
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Gómez Noya renuncia tamén ás Series Mundiais de Hamburgo pensando en Río
Por Redacción |
-
Os Brownlee amargan o regreso de Gómez Noya ás Series Mundiais, cuarto en Leeds
Por Alejandro Espiño |
-
Javi Gómez Noya triunfa en Lisboa e gaña o seu cuarto título europeo
Por Redacción |
-
Gómez Noya recoñece que se está "atopando ben" antes de estrear tempada en Francia
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Javier Gómez Noya e Teresa Portela, premios Deporte Galego 2015
Por Redacción |