A derrota do Villalonga (2-1) fronte ao Dorneda en Oleiros acende as alarmas
Por Redacción
Tres goles a balón parado decidiron o partido entre rivais directos. As características do Condús non permiten outra cousa que non sexa intensidade e plena concentración nesas accións de estratexia, e nesas condicións o Dorneda, habituado a un escenario impropio para a categoría, móvese como peixe na auga. Dous penaltis (un por bando) e un remate á saída dun corner, decidiron o resultado e a vitoria para o equipo local, malia que o Villalonga dispuxo de ocasións para lograr algo positivo.
Un discutible penalti de Isma a Cheki, a pouco de comezar, permite a Dani Deza poñer por diante os de Oleiros. Non obstante reaccionarían os de Jacobo Molina, para empatar no minuto 35 con outro máximo castigo, por mans de Juan, que transforma Marc. Pero cando parecía que a primeira parte remataría con igualada no marcador, a falta dun minuto un saque de esquina mal defendido permite a Dani Gómez remata absolutamente só.
A segunda parte ofreceu a un Dorneda fiel ao seu estilo, especialmente cando vai por diante no marcador, pechando espazos (os poucos que xa permiten as medidas do campo) e un Villalonga intentando acertar nalgunha acción illada. As ocasións escasearon, pero Saúl estivo preto de encontrar recompensa, aínda que o seu remate marcharía fóra.
A derrota fronte a un rival directo acende as alarmas no Villalonga, que encadea doce xornadas consecutivas sen coñecer a vitoria e que cae de novo nos postos de descenso de categoría.
C.D. DORNEDA (2): Manu; Alfonso, Dapo, Dani Gómez, Juan; ÿlmer, Cristian Paz; Héctor, Michi (Efrén, min. 88), Dani Deza (David Vidal, min. 71; e Cheki.
VILLALONGA, C.F. (1): Roberto Pazos; Leo, Miguel, Isma, Fran Matos; Javi Nogueira (Uru, min. 55), Marc; Nelo, Machu, Saúl; e Jorge Fernández.
Árbitro: Extremadura Hernández (Vigo). Amoestou a Juan, Cheki, Héctor, Isma, Marc e Nelo.
Goles: (1-0) Minuto 7: Dani Deza, de penalti. (1-1) Minuto 35: Marc, de penalti. (2-1) Minuto 44; Dani Gómez.
Incidencias: Campo Eugenio Pardo Conchado (Ou Condús). Oleiros. Uns 100 espectadores.