Fronte ao Negreira o Pontevedra inicia a súa particular "operación nove puntos" en busca dos postos de play off
Por Ramiro Espiño
Tres partidos, nove puntos. Ese é o obxectivo do Pontevedra para as tres próximas xornadas ligueiras nas que os granates haberán de enfrontarse ao Negreira e Narón, en Pasarón e entre ambos os dous ao Céltiga a domicilio. Tres rivais da zona baixa ante os que non caben descoidos, como o proba que na primeira volta da competición foi precisamente contra os que máis sufriron os homes de Milo Abelleira, que fronte a estes tres equipos deixaron escapar cinco puntos dos nove posibles.
O primeiro obstáculo para conseguir engancharse aos postos de play-off chega o domingo, 17:00 horas, en Pasarón, con arbitraxe do coruñés Adrián García Rodríguez, e será un Negreira necesitado de puntuar para escapar da zona quente da táboa, pero ao que lle custa sumar lonxe do seu feudo (non o fai dende o 25 de novembro, cando gañou en Villalonga).
Os granates realizaron na tarde do venres, en Pasarón, o último adestramento da semana. As malas condicións en que se encontra o campo de Príncipe Felipe, moi castigado polo uso e as choivas de xornadas anteriores, así como intentar preservar Pasarón ao máximo, obrigan a Milo Abelleira a prescindir da sesión que tiña prevista para a mañá do sábado, polo que o técnico facilitou xa á conclusión do ensaio a lista de convocados, que integran un total de 17 xogadores.
Nesa lista rexístrase como principal novidade a reincorporación do capitán, Caco, superados os problemas físicos que arrastraba, así como a baixa definitiva de Iago Paz e Nano, ambos os dous con molestias musculares que aconsellan repouso.
Caso á parte é o de Cristóbal Juncal, que despois dunha semana complicada como consecuencia dun golpe recibido na última xogada do partido de Villalba, se mostrou moi recuperado, ao igual que Sestelo, polo que ambos os dous foron incluídos na lista, se ben é máis que probable que comecen o partido no banco.
A reaparición de Caco no centro do campo provocará un cambio de sistema
A volta de Caco traerá consigo tamén un cambio no sistema do equipo, que pasará do habitual 4-4-2 ao 4-3-3, co capitán formando o eixe defensivo dun trío no centro do campo, no que Jacobo e Moisés teñan máis liberdade para proxectarse en ataque.
Así pois, o equipo titular será con toda probabilidade o formado por Lloves; Adrián, Yago Vázquez, Pablo, Tubo; Moisés, Caco, Jacobo; Richi, Santi Domínguez e David Pérez, quedando Edu, Sestelo, Cristóbal Juncal, Stefan, Emilio e Buba para o banco, dos que Milo terá que descartar un antes do partido.
Como xa indicamos son baixas Iago Paz e Nano, ademais de Fran Fandiño, Lorenzo e Pacheco, este último a punto de reaparecer, xa que se espera que a próxima semana reciba a alta e poida xogar, ben co primeiro equipo ou co filial, para ir afinando a posta a punto.
Precisamente a necesidade de apuntalar ao filial, que ten un partido importante no Carballiño, fronte ao Arenteiro, fai que o técnico granate decidise que tanto Cristóbal Domínguez coma Javi Pazos queden fóra da convocatoria do primeiro equipo e acudan este fin de semana co Pontevedra B para intentar lograr os tres puntos que lles afasten dos postos comprometidos na rexional preferente.