O Pontevedra non consegue baleirar a súa enfermaría
Por Diego Espiño
Os problemas físicos perseguen ao Pontevedra nas últimas semanas. Cando xogadores como Moisés, que xa volveu o pasado sábado en Vilalba, ou Caco, que podería reaparecer este fin de semana, parecen recuperarse, outros volven engrosar a enfermaría granate.
Iago Paz perderase o encontro ante o Negreira en Pasarón debido a unha sobrecarga nos isquitibiales que o obrigará a parar por precaución despois de forzar a súa participación o pasado sábado.
Outros futbolistas seguen sen adestrarse co grupo por diversas molestias físicas. Son os casos de Lorenzo, con problemas nas costas despois de mellorar do seu ombro, ou de Cristóbal Juncal, que cun golpe no nocello na última xogada do partido na Magdalena é dúbida, obrigando a Milo Abelleira a estar pendente da súa evolución.
Cristóbal, ao igual que Caco, xa recuperado pero co que se quere evitar unha recaída, parace que poderá recuperarse a tempo evitando un problema aínda maior para o técnico lerezano.
Á lista de futbolistas con problemas hai que engadir aos lesionados de longa duración, Fran Fandiño e Pacheco, aínda que este último podería recibir a alta nos próximos días.