Xornada de reflexión para o Pontevedra
Por Diego Espiño
O Pontevedra volverá aos adestramentos o martes en Príncipe Felipe co obxectivo claro de encadear dúas vitorias consecutivas nos próximos encontros, ambos os dous en Pasarón e antes rivais da zona alta da táboa.
O cuarto posto que aínda conservan os granates malia o empate en Narón poñerase en xogo o próximo domingo ás 17:00 da tarde. A Pasarón chegará o Somozas como inmediato perseguidor dos de Milo Abelleira na clasificación. O conxunto coruñés só perdeu un partido nesta liga, ante o polo momento intratable Racing de Ferrol, mostrándose moi seguro na parcela defensiva, encaixando cinco goles en sete encontros.
Sete días despois o que visitará Pontevedra será o filial do Celta, segundo clasificado, que tras comezar a liga con dous empates encadeou cinco vitorias consecutivas.
Rivais de altura que examinarán as opcións reais do conxunto lerezano tras un inicio ligueiro irregular.
Milo Abelleira poderá corrixir erros e realizar diversas probas coa disputa do trofeo Luis Otero. O partido xogarase este xoves, 20:15 horas, ante o Deportivo da Coruña, que viaxará a Pontevedra con toda a súa plantilla ao parase a liga de Primeira División polos compromisos das seleccións nacionais.