O peche da piscina de Campolongo no verán preocupa aos clubs de natación
Por Redacción
Os catro clubs de natación que adestran na piscina de Campolongo: Natación Galaico, SAPO, Club Waterpolo Galaico e o Club Natación Sincronizada Pontevedra mantiveron unha xuntanza co concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, para estudar posibles alternativas ante o peche da piscina municipal que, previsiblemente, vai producirse este verán.
O concelleiro de Deportes tratou tamén o problema de recolocación dos deportistas dos catro clubs durante o período de obras en Campolongo. Segundo apuntou Fernández, vai presionarse para que o peche sexa o máis curto posible. Ademais, sinalou que, malia non dispoñer doutras piscinas municipais, se vai falar co Centro Galego de Tecnificación Deportiva, coa fundación Rías do Sur e coa concesionaria desta instalación para intentar atopar algunha solución.
O responsable municipal tamén tratou o tema das condicións actuais de utilización da lámina de auga de Campolongo. Actualmente, os clubs dispoñen dun número importante de horas que se concretan na reserva de catro rúas e cinco módulos diarios de 45 minutos. Tres destes módulos sitúanse entre as 17 e as 20 horas.
Agustín Fernández apuntou que quere que os clubs dispoñan na futura piscina de Campolongo do mesmo réxime horario e mesmo de máis horas. Garantíu aos clubs a máxima transparencia no proceso de adxudicación á nova concesionaria das instalacións e absoluta colaboración durante o período de obras e tamén para que os intereses dos equipos de natación non se vexan prexudicados.