Lino González, destituído como adestrador do Arosa
Por Redacción
Lino González deixou de ser adestrador do Arosa despois de tres tempadas no cargo. A directiva, reunida na noite deste luns, decidiu prescindir dos seus servizos despois do malestar mostrado pola afección vilagarciana ao termo do último partido de liga, que concluíu con derrota arlequinada (1-3) ante o Mondariz.
Os malos resultados, principalmente na Lomba onde o Arosa só gañou un dos últimos sete encontros, precipitaron a decisión despois de que o equipo se manteña lonxe do obxectivo marcado a principio de liga, que pasaba por pelexar polos postos de ascenso a Terceira División que agora se encontran a 10 puntos de distancia.
O club, a través da súa páxina web, fixo público un comunicado no que agradece o traballo do adestrador durante estas tres tempadas, "pactouse de mutuo acordo a rescisión do contrato que unía a ambas as dúas partes ata final de tempada. O Arosa SC quere agradecer profundamente a amabilidade, o compromiso e o esforzo diario do técnico durante estes últimos tres anos".