Complícase a permanencia para un Arxil derrotado (54-51) en Avilés no último minuto de partido
Por Redacción
Mellor empezar polo final para resumir unha nova decepción do Arxil, que volveu quedarse co mel nos labios rozando a súa primeira vitoria da tempada tras caer en Avilés fronte a un rival directo como o ADBA, despois de remontar ata doce puntos de desvantaxe coa que se colocaran as asturianas ao inicio da segunda parte.
As pontevedresas lograron chegar aos últimos 57 segundos tres puntos arriba (48-51) tras un triplo de Ana Martín e dispoñían de posesión de balón. Unha perda a media pista permite a resposta de Anna Boleda, transformando un espectacular triplo dende nove metros para empatar o partido. Un novo roubo de balón local con canastra e un rebote da mesma Anna Boleda, con dous tiros libres dos que converteu un, pecharon o partido dando ao ADBA Avilesino a súa cuarta vitoria, distancia, que empeza a antollarse insalvable para un Arxil que, salvo milagre, parece condenado ao descenso.
ADBA AVILÿS (54): Belén Mejías (4), Irene Solís (5), Anna Boleda (15), Aminata Seck (18), Carmela (12) -cinco inicial-, Carlota, Conchi, Sara, e Paula.
C.B. ARXIL (51): Sandra Entenza (5), Ana Martín (6), Carla Fernández (9), Zara Huntley (7), Olga Fedorova (14) -cinco inicial-, Marina Ramírez, Andrea Carrera, Jara Tuda, Cristina Díaz Pache (1) e Natalia Soage (9).
Árbitros: Álvaro Cubero e Sergio Vázquez.
Marcadores parciais: 14-14, 19-7 (33-21, descanso), 6-12 e 15-18 (54-51, final).
Incidencias: Complexo deportivo Avilés. Uns 100 espectadores.