O CB Al-Qázeres asalta Fontecarmoa ante un Feel Cortegada que vendeu cara a súa pel (57-65)
Por Ramón Estévez
O Feel Cortegada levaba 11 vitorias consecutivas e malia todos os problemas que se lle ían presentando ninguén podía vencelo. Nesta ocasión, e por cuarta xornada consecutiva, non puido contar con Amy Syll, e aínda que xogaron Ilenia Manzanares e Montse Gilabert, aínda non están ao 100%. Malia todos eses condicionantes, e a que visitaba Fontecarmoa un dos conxuntos máis completos da categoría, as vilagarcianas non baixaron os brazos en ningún momento, demostrando un grande espírito combativo ante un público entregado.
No primeiro cuarto a igualdade foi a tónica predominante. Tras uns momentos de tenteo, as estremeñas tomaron a dianteira con curtas vantaxes, mostrando un grande acerto dende a liña de tres e aproveitando a superioridade que a envergadura das súas pivotes lle daba na zona. A réplica poñíana Onaissa Sbahy coas súas triplas e a aparición de Ilenia Manzanares, que irrompeu dende o banco para anotar 8 puntos no cuarto, incluíndo unha canastra inverosímil que pechaba este (17-19). No segundo período, CB Al-Qázeres trataba de escaparse no marcador e chegaba a roldar os 10 puntos de diferenza pero o equipo local non llo permitía e agarrábase ao partido (33-41). As de Pepe Vázquez, que chegaron ao descanso con apenas tres faltas persoais cometidas, non puideron defender todo o intensas que deberían para non se cargar de persoais, e así as visitantes anotaron moi cómodas dende todas as posicións.
Tras o paso por vestiarios Jacinto Carbajal, adestrador visitante, formulou unha defensa en zona que afogou o Feel Cortegada, que non estaba acertado dende a liña de 6,75. Así, as cacereñas estiraron o electrónico a un 43-60 que case sentenciaba o encontro.
O último cuarto comezou con dous puntos máis para o Al-Qázeres, que poñía a máxima renda (43-62). Non obstante, o Feel Cortegada aínda non dixera a súa última palabra e comezou a remontada, a contagotas, xa que lle custaba moito anotar. Así, tras un 6-0 de parcial, situouse 49-62, só cortado por un tiro libre cacereño que precedeu a un 8-0 culminado por unha espectacular tripla de Montse Gilabert que fixo que o público crese no milagre e que o adestrador visitante tivese que pedir un tempo morto a falta dun minuto para o final (57-63). As estremeñas pecharon o encontro cunha canastra que sentenciaba o choque, e o Cortegada non conseguiu anotar dende a longa distancia, xogando xa os últimos segundos para conservar o basket average, que finalmente caeu do lado das vilagarcianas por un punto, tras gañar na primeira volta en Cáceres (70-79).
FEEL CORTEGADA 57 (17+16+10+14): Andrea Ríos (6), Montse Gilabert (16), Onaissa Sbahy (9), Salomé García (4), Lucía Méndez (8), Ilenia Manzanares (14).
CB AL-QÁZERES 65 (19+22+19+5): Salgado (13), Rodríguez (11), De la Fuente (11), Sánchez (13), Ramos (7), Madu (8), Samba (2), Corrales.
Árbitros: Javier Benítez e Julio César Alonso. Sen eliminadas. Sinalaron 12 faltas ao Feel Cortegada e 22 ao CB Al-Qázeres.
Incidencias: Partido correspondente á xornada 14 do Grupo A de Liga Feminina 2, disputado no pavillón de Fontecarmoa ante uns 350 espectadores.