Triunfo de quilates do Teucro ante o líder Barcelona B (27-24)
Por Diego Espiño & Diego Torrado
Mellor imposible. A Sociedad Deportiva Teucro iniciou a segunda volta ao grande vencendo ao ata agora líder invicto da categoría, o Fútbol Club Barcelona Intersport B (27-24) no Pavillón Municipal dos Deportes.
A pesar do resultado final, ninguén tería apostado un céntimo no minuto 7 pola vitoria dos azuis despois da saída en tromba da Barcelona (0-6). O equipo de Javier Barrios daba facilidades en defensa e deixaba correr ao seu rival con perdas en ataque, xusto o contrario do que pedía o técnico na previa.
Non se estrearon os teucristas ata o minuto 7'30 cun tanto de Rial, un gol que contra todo prognóstico esporeou aos seus compañeiros que empezaron a defender con intensidade dificultando o ataque catalán. A saída de Porto en defensa coincidiu con esa melloría que se traduciu ademais en contraataques e maior seguridade na finalización.
O tempo morto pedido por Antoni Gerona non cambiou a dinámica e de novo Rial, unha auténtica dor de cabeza para os visitantes, culminaba a remontada no minuto 20 (9-8). Era a primeira vez que se poñía o Teucro por diante no electrónico.
A partir dese momento mandaron os azuis, que marcharon ao descanso cunha mínima vantaxe (13-12), un dominio que tivo continuidade na reanudación.
Unha tripla exclusión de Borja Pedreira, Rial e Didac Villar fixo perigar o partido
Só unha tripla exclusión de Borja Pedreira, Rial e Didac Villar, as dúas últimas tan discutidas como evitables, e a actuación do pivote Adriá Figueras puxeron en perigo o resultado volvendo adiantar ao filial blaugrana (18-19), pero lonxe de baixar os brazos o equipo pontevedrés creceuse aínda máis ante un público moi metido no encontro.
Os últimos cinco minutos prometían emocións fortes e igualdade pero un gol de Chapela e dúas grandes defensas, con contragolpe de Toño e blocaxe de Porto a Kasal, remataron por decidir o encontro para delirio das bancadas do Pavillón.
Con este triunfo o Teucro chéase de moral para o tramo final de competición e carga de razóns aos que soñan con ver aos azuis disputando a fase de ascenso á Liga Asobal.
SD TEUCRO (27): Juan Bar, Toño Fernández (4), Alejandro Pombo (2), David Chapela (3), José Manuel Rial (8), Borja Pedreira (1), Sisco -siete inicial- Miguel Porto (1), Tomás Moreira (2), Didac Villar (6, 1p), Carlos García, Gonzalo García-Alén.
FC BARCELONA INTERSPORT B (24): Ignacio Biosca, Adriá Figueras (9), García Diéguez (3p), Lluis Calvera (1), Víctor Sáez (3), Alberto Miralles (2), Michal Kasal (4) -siete inicial- Johnny Medina, Víctor Montoya (2), Oriol Rey, Guillem Lozano, Ignasi Admella (p.s.), Joan Amigo, García Montolio.
Marcador cada cinco minutos: 0-3, 1-6, 5-7, 8-8, 11-10, 13-12, descanso, 14-12, 16-14, 18-16, 19-19, 23-22, 27-24.
Árbitros: Fraile Muñoz e Peris Orts.
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra, algo máis de 600 espectadores.