Xadrez pontevedrés con destino Xordania
A situación dos refuxiados vivida nestes últimos tempos en Europa é unha circunstancia que non escapa á realidade cotiá dos pontevedreses, como mostra o proxecto da Escola Xadrez Pontevedra xunto coa colaboración de Ajedrez Sin Fronteras e ACNUR. Este proxecto consiste na elaboración dunha escola de xadrez no campamento de refuxiados de Azraq, tendo como obxectivo principal humanizar a vida das persoas que se atopan alí.
Desta maneira representantes da Escola Xadrez Pontevedra como Daniel Rivera ou Pablo García entre outros, ademais do fundador e presidente de Ajedrez Sin Fronteras Álvaro Van Den Brule, acompañados pola concelleira Anxos Riveiro, presentaron este proxecto solidario co que partirán este xoves con destino Xordania, cheos de ilusión e con ganas de facer algo bo para a xente que se atopa nesa zona durante un período de 11 días. Para este propósito estiveron preparándose durante "máis dun ano" e para o cal "moita xente estivo traballando incansablemente" admite Daniel Rivera, presidente da escola pontevedresa.
Entre os 140 quilos de material que as asociacións levan para os nenos, destacan os libros tanto para os máis pequenos como para os monitores, xogos para persoas con deficiencia visual, reloxos, taboleiros... e poder arrincar así un proxecto que terá "continuidade", admite o presidente.
Doutra banda, o presidente e fundador de Ajedrez Sin Fronteras Álvaro Van Den Brule admitiu que "esencialmente hacemos una labor que creo que es transfronteriza en el sentido de humanista" ao tentar que esas fronteiras xeográficas caian como outros grandes muros ao longo da historia. Tamén quixo acentuar a actuación que deberían ter todas as institucións, tanto públicas como privadas, insistindo no papel que terían que xogar as segundas á hora de achegar calquera tipo de axuda.
Toda achega que supoña un gran de area é importante para este proxecto, facéndose fundamental o traballo de concienciación por parte de toda a sociedade, para o que se investiu moitas horas e dedicación de todas as partes implicadas.