O Arxil xógase as súas opcións en Avilés nunha auténtica final
Por Diego Espiño
Despois de varias semanas coqueteando con conseguir o primeiro triunfo da tempada, xa non valen máis lanzamentos ao aro para o Arxil se pretende loitar pola permanencia na Liga Feminina 2 de baloncesto.
As rapazas dirixidas por Mayte Méndez viaxan a Avilés para medirse ao ADBA, equipo que lles precede na clasificación con tres vitorias, coa necesidade de vencer para crer na remontada. Para Lino Vázquez, coordinador do Arxil, o camiño a seguir é o marcado nas últimas semanas, "o golpe moral se gañamos sería moi importante xa que cambiariamos a dinámica. Temos un equipo moi similar ao ADBA, quizais elas teñan mellor tiro exterior pero nós temos na miña opinión máis xogadoras que poden sumar".
Coa dúbida de se Natalia poderá finalmente viaxar, a canadense Zara Huntley volverá ser a referencia das pontevedresas. Zara, que ante o Ensino conseguiu un rexistro de 26 de valoración con 20 puntos e 7 rebotes, foi incluída no quinteto ideal da última xornada.