O Pontevedra pechou a pasada tempada cun superávit de 77.000 euros
Por Diego Espiño
O Teatro Principal acolleu este martes unha plácida Xunta Xeral de Accionistas do Pontevedra Club de Fútbol S.A.D., na que o Consello de Administración apenas atopou oposición para aprobar as contas do pasado exercicio, primeiro polo que responde economicamente Lupe Murillo como presidenta do club.
Segundo estas contas, polas que ningún dos asistentes votou en contra (houbo dúas abstencións), a entidade granate pechou a tempada 2014/2015 con 77.316 euros de superávit, grazas a uns ingresos totais de 805.800 euros e uns gastos de 728.483.
En canto á débeda que segue arrastrando o Pontevedra, na actualidade é de 1.359.240 euros, segundo os datos achegados. Neste aspecto destaca o adiamento acordado coa Axencia Tributaria ata o ano 2018, para o que foi necesario realizar un pago de 228.000 euros feito efectivo grazas a un préstamo de Conservas Pescamar, que pasa así a ser acredor do club.
A débeda do Pontevedra é actualmente de 1.359.240 euros
Lupe Murillo, ademais de lembrar os bos momentos deportivos, asegurou na súa intervención que a tempada se pechou cun "éxito económico" que cimentou na política de austeridade que se autoimpuxo ao tomar as rendas da entidade, aínda que recoñeceu un lunar nos resultados da canteira, aspecto no que "garantizo que estamos volcados en su mejora", sinalou.
Na Xunta Xeral de Accionistas tamén se presentou o orzamento para a actual tempada, cunha previsión de ingresos de 864.660 euros e un superávit estimado de 67.610 euros.
No apartado de gastos, os soldos de xogadores e corpo técnico no retorno á Segunda B sitúanse nos 320.000 euros.
No Teatro Principal acreditáronse un total de 72 accionistas do Pontevedra, representando ao 61,62% do accionariado.
Relacionadas:
-
O Pontevedra aproba as súas contas a pesar da aparición dun grupo opositor ao Consello
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
A Deputación renova o patrocinio co Pontevedra e promete "continuidade" para as próximas tempadas
Por Diego Espiño |
-
O vento e o mal estado do terreo condicionan a Atlético Astorga e Pontevedra (0-0)
Por Redacción |
-
Lupe Murillo reelixida por unanimidade presidenta do consello de administración do Pontevedra
Por Ramiro Espiño |
-
Lupe Murillo supera sen oposición a súa primeira xunta de accionistas do Pontevedra
Por Ramiro Espiño |