Santi Domínguez únese á lista de mancados no Pontevedra
Por Diego Espiño
Por se fosen poucos os problemas para Milo Abelleira coas ausencias de varios dos seus futbolistas, a semana comezou para o técnico lerezano coa ausencia de Santi Domínguez no primeiro adestramento preparatorio do choque do sábado en Vilalba.
Santi Domínguez ten acumulación de líquido no xeonllo e o xoves faráselle unha ecografía
O dianteiro granate presentouse en Príncipe Felipe cun dos seus xeonllos inflamados despois de sufrir un forte golpe no encontro do pasado domingo ante o Cerceda. Ante esta situación, o de Bueu foise directamente a pasar consulta co médico do clube, Alberto Domínguez, que comprobou que o futbolista presenta acumulación de líquido na articulación aínda que a primeira exploración, segundo o propio Santi Domínguez, parece descatar que se trate de algo grave, "pienso que no va a ser nada, con el golpe hay un poco de líquido y ayer casi no podía ni andar, pero hoy ya recuperé un poco y espero seguir mejorando".
Santi será sometido este xoves a unha ecografía. Se a proba confirma que non existe unha lesión de importancia podería mesmo estar recuperado para o choque do sábado, "asegurando que no hay nada espero estar en condiciones incluso de entrenar el jueves".
Pero o dianteiro non é o único toucado, no primeiro adestramento da semana Moisés Pereiro e Caco exercitáronse aínda a menor ritmo que os seus compañeiros polas molestias musculares que sofren. Ambos os dous son dúbida para o partido ante o Villalbés, principalmente o capitán, que se retirou aos 45 minutos da sesión por precaución.
A boa nova para Milo Abelleira é a recuperación de Sestelo. O central, aínda que con algunhas reservas, si adestrou ao mesmo ritmo que o resto do plantel, ao igual que Pacheco, aínda que no seu caso se quere evitar riscos ante unha posible caída que dane o brazo mancado.
Fran Fandiño será operado o venres
A operación á que deberá ser sometido Fran Fandiño para superar os seus problemas de pube xa ten data. Se todo vai segundo o previsto o centrocampista será intervido este venres despois de dar o seu consentimento a compañía aseguradora. O xogador, que xa realizou as probas do preoperatorio, estará de baixa tres meses.