David Pérez alcanza un acordo co Pontevedra e incorpórase ao equipo
Por Ramiro Espiño
Finalmente o Pontevedra verá apuntalado o seu equipo no mercado invernal tras chegar a un acordo David Pérez para incorporarse ao equipo granate, co que xa viña adestrando, aínda que sen ficha federativa, dende comezos de tempada.
Tras varios días de contactos e negociacións, o xogador, que contaba co beneplácito do técnico, Milo Abelleira, pero coa oposición do presidente do club, pechou a mediodía do luns as súas diferenzas con Mauricio Rodríguez, polo que será dado de alta e estará en disposición de xogar xa a próxima xornada fronte ao Rácing Villalbés.
Aínda que intentamos coñecer a opinión do veterano centrocampista, non foi posible establecer comunicación con el, ao ser ademais xornada de descanso para o equipo, polo que haberá que esperar a coñecer as súas impresións ata o instante da súa presentación oficial, que posiblemente se realice o martes a mediodía.
David Pérez afronta así a súa terceira etapa como xogador granate, se ben non lle será allea nin a dinámica do grupo nin os seus compañeiros, cos que estivo a compartir vestiario e traballo todos estes meses.
Con esta fichaxe non parece probable que haxa máis movementos, salvo que se produza algunha saída. Neste sentido é posible que persista o interese do Villalonga en contar co central Cristóbal Domínguez, como adiantara PontevedraViva, pero a súa saída antóllase complicada ao non ser doado suplir a súa marcha con outro xogador que poida alternar o primeiro equipo e o filial.
En Villalba xogarase o sábado
O partido correspondente á próxima xornada ligueira adiántase ao sábado, ao ter accedido o Pontevedra á petición do Rácing Villalbés. Así o choque terá como escenario o campo da Magdalena e dará comezo ás 16.30 horas.