Nin o festival de triplos no último cuarto serve ao Arxil que cede (68-71) fronte ao Ensino de Lugo
Por Redacción
Alternativas no marcador e unha actuación arbitral desquiciante pola súa excesiva rigorosidade e falta de criterio, foron as claves dun partido no que o Arxil volveu rozar a súa primeira vitoria da tempada para rematar caendo por un apertado 68-71 fronte ao Ensino de Lugo.
Os comezos do partido foron para as de Mayte Méndez, que se puxeron con 8 puntos de vantaxe no primeiro cuarto (20-12). A primeira alternativa chega no segundo cuarto cunha reacción do conxunto lucense que logra un parcial de 16-0 para darlle a volta ao marcador e marchar ao descanso con vantaxe (33-35).
Nova alternativa no terceiro no que o Arxil mellora e se ve beneficiado dunha falta intencionada cometida pola lucense Rocío Varela e agravada por dúas técnicas case seguidas ao adestrador visitante, que lle permiten entrar nos últimos 10 minutos de partido por diante no electrónico (48-43).
Nova focha e novo cambio de decoración. O Arxil acusa o cansazo: O Ensino marcha e parece que sentencia o partido (53-66), pero rexorden as pontevedresas que encadean ata cinco triplos nun final de infarto, que lles poñen a só un punto por debaixo (68-69). Emocionante, pero insuficiente. O Ensino sentencia, agora si, con dous tiros libres transformados, deixando as locais de novo co mel nos labios.
ARXIL (68): Sandra Entenza (11), Ana Martín (12), Carla Fernández (7), Zara Huntley (20), Olga Fedorova (10) -cinco inicial-, Marina Ramírez, Andrea Carrera, Jara Tuda, Estefanía López (2), Cristina Díaz-Pache (2) e Natalia Soage (4).
ENSINO DE LUGO (71): Ana Álvarez (3), Yaiza García (16), Nerea Méndez (20), Verónica Matoso (13), Mireia Navarrete (12) -cinco inicial-, Sara Acuña (5), Rocío Varela, Uxía Fernández, Marta Lema (2) e Tamara Montero.
Marcadores Parciais: 20-12, 13-23 (33-35, descanso), 15-8 (48-43) e 20-28 (68-71, final).
Árbitros: Castro e Fortes. Eliminada Ana Martín.
Incidencias: Pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (Pontevedra). Pouco máis de 100 espectadores.